As 10 pezas máis vistas de Sermos Galiza no mes de febreiro

Relacionamos a seguir as 10 pezas máis vistas de Sermos Galiza no mes de febreiro, 28 días en que as persoas utentes do noso web viron un total de 385.574 páxinas.

1.-"Teño unha filla de 8 anos e no colexio ensínanlle galego practicamente como unha lingua estranxeira".

Esta entrevista ao guionista Carlos Ares tivo un grande impacto nas redes -foi partillada por 1.100 persoas no Facebook- e cargaba de razóns ás persoas que o pasado 8 de febreiro irían apoiar a grande manifestación de Queremos Galego por unha nova política lingüística na Galiza.

2.-Unha multitude quere galego e clama por outra política lingüística.

A masiva resposta da cidadanía galega á chamada de Queremos Galego -máis de 25.000 persoas empequeneceron o casco vello de Compostela- mostra que poucos temas hai noso país, se houber algún, que convoque tanta enerxía social como a defensa da nosa lingua. A noticia tivo máis de 1.600 partilladas nas redes sociais.

3.-Persoas afíns a Anxo Quintana rexistan Somos Nós como partido político.

A noticia de Somos Nós se ter rexistado como partido político o 3 de febreiro nunha notaría de Ponteareas -exclusiva de Sermos Galiza- tivo un considerábel impacto nas redes e foi recollida -infelizmente non en todos os casos con atribución da fonte- por diversos meios de comunicación.

4.-A Xunta xa pode mostrar os segundos do vídeo de Enrique Iglesias polos que pagou máis de 320.000 euros

O avanzo do vídeoclip de Enrique Iglesias exorbitantemente subvencionad pola Xunta de Galiza -300.000 euros das arcas autonómicas foron gastos na obra audiovisual- foi unha das grandes sensacións informativas, por razón máis que obvias, neste mes de febreiro. Chamou moito a atención a exclusión de Pontevedra no subsidiado vídeo do fillo de Julio Iglesias.

5.-A principal dirixente galega de Podemos nega o debate nacional sobre Galiza.

A afirmación de Carolina Bescansa sobre que o "carácter nacional" está resolvido na Galiza para a grande maioría da populación -non así o problema social- dá abondas pistas sobre as conviccións ideolóxicas da formación emerxente e tivo non pouco impacto nas redes, con case 500 partilladas.

6.-Google dedica o seu "doodle" a Rosalía no seu aniversario.

No 178 aniversario da grande poeta nacional, o buscador máis utilizado na internet global empregou a imaxe e os versos de Rosalía na súa capa. Sermos noticiou o feito xa ás 0.00 horas do 24 de febreiro. Foi a noticia máis partillada do mes: 3.500 veces en Facebook e 115 en Twitter.

7.-O tigre e a RAG, artigo de Carlos Garrido.

Exitosa estrea de Carlos Garrido -membro da Comissom Lingüística da Associaçom Galega da Língua- como colaborador na nosa sección de opinión. Un artigo que non só tivo miles de visitas, senón que, aliás, provocou 63 comentarios, un intensísimo debate no noso web e tamén nas redes.

8.#8F: milleiros polo galego.

A galería de imaxes da manifestación de Queremos Galego foi partillada até 2.200 veces en Facebook e 35 en Twitter, mais unha proba do grande interese que a mobilización pola lingua espertou na comunidade sermos.

9.-A Xunta financia con 302.500 euros o 'reggaeton' de Enrique Iglesias

Pasmo e indignación: as reaccións máis frecuentes ante esta noticia que esclarece cais son as prioridades da Xunta en política cultural. 1.500 partilladas en Facebook.

10.-Un videoclip para celebrar os aniversarios en galego.

Parabéns para ti. Por fin imos ter a posibilidade de celebrarmos os nosos cumpreanos en galego. E grazas á iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística e o concello de Carballo. Máis de 560 partilladas nas redes.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios