O 0,26% d@s galeg@s posúe a metade da riqueza de Galiza

Nas vésperas do terceiro aniversario do Sermos comezamos, con esta reportaxe do nº 83 do semanario, a publicación na web daquelas pezas con máis impacto que foron publicadas en papel nos tres anos de vida da publicación. 

A suma de todos os bens e servizos producidos en Galiza durante un ano non darían para igualar a fortuna persoal que posúe Amancio Ortega e a súa filla Sandra. Toda a capacidade económica dun país nas súas diferentes ramas produtivas fica por baixo do patrimonio que teñen os seus 2 habitantes máis ricos.

O PIB galego foi en 2012 de pouco máis de 55.000 millóns de euros. A fortuna que 'Forbes' lle atribúe a Amancio Ortega supera os 48.500 millóns. Por resumilo, e simplificando en chave de ironía: para o mundo do sarillo económico sería máis catastrófico que desaparecesen Amancio e Sandra Ortega que que desaparecese Galiza.

En Galiza hai ricos. E hainos moi, moi ricos. Grandes fortunas que non minguaron coa crise, algunhas máis ben o contrario, e que nestes anos perfeccionaron os complexos entramados para esquivar ou reducir o pagamento de impostos e tributos en Galiza e no Estado español. Amancio Ortega, a súa filla Sandra (cuarta entre as 10 grandes fortunas do Estado, con 5.400 millóns de euros) ou Manuel Jove (quinto nesa clasificación, con 3.900 millóns) atesouran os principais patrimonios do país. Non os únicos. Aí están os donos, por poñer uns poucos exemplos, de imperios como as conserveiras Jealsa e Calvo, Aluminios Cortizo, e un longo etcétera.

O xornalista especializado en temas económicos Xosé R. Moscoso advirte da nómina de grandes fortunas galegas que" optimizan, como adoitan dicir eufemisticamente, o pagamento de impostos". Unha listaxa na que están os propietarios de Inditex, Jealsa, Megasa, Cortizo,...

Canto máis tes, menos pagas

"Ademáis das Sicavs, ás que tan habituais son grandes patrimonios como Amancio e Sandra Ortega, Manuel e Felipa Jove, José María Castellano, José Manuel Fernández Loureda ou as familias Calvo e Fontenla, súmase outra dinámica que tamén ten  no Imposto de Sociedades, o que grava os beneficios empresariais, o seu cabalo de batalla".

Son as bases impoñíbeis negativas incorporadas a dito tributo, "coma se dunha desgravación se tratase, que levan a grandes empresas a declarar un beneficio negativo a efectos fiscais, aínda que os seus resultados sexan positivos. Grazas a iso, non pagan Imposto de Sociedades ou o reducen sensiblemente".

Vantaxes

O gran capital, pois, non tributa en Galiza. Por moi baixo que sexa ese tributo, manobran para declarar a través de lugares onde os impostos sexan aínda menores. Un exemplo son as xa mencionadas Sicavs, sociedades de investimento de capital variábel. Un instrumento moi do gosto das grandes fortunas para a xestión do seu patrimonio persoal pois permítelle pagar un ridículo 1% de imposto de sociedades (unha pequena ou mediana empresa paga máis do 20%). En 2008 en Galiza estaban domiciliadas por volta dunha trintena destas Sicavs, Na actualidade son unicamente tres e entre elas apenas suman 14 millóns de euros. Non desapareceron, senón que 'emigraron' na procura de (aínda) máis ventaxes.

Holanda, Suiza ou, xa en menor medida, Irlanda son lugares apetecíbeis nos que as grandes fortunas galegas domicilian 'sociedades holding' coas que dar un regate ao fisco e evitan así tributar no Estado español polos seus inxentes beneficios.

A fenda

Galiza é o cuarto territorio do Estado, tras Madrid, Valencia e Balears, cos 'ricos máis ricos'. En 2011 o goberno Zapatero recuperou o Imposto de Patrimonio. A recadación obtida e o número de contribuíntes obrigados a pagalo dannos unha boa fotografía dos ricos que hai en Galiza. Son 7.090 persoas cunha base impoñíbel que supera os 700.000 euros ou con no mínimo 2 millós de euros en bens. Son apenas o 0,26% da poboación de Galiza mais atesouran 25.413 millóns de euros, equivalente á metade do PIB do noso país.

Novagalicia Banco vendeuse por 1.003 millóns de euros a Banesco. Unha cifra que, voltando a referirinos ao rico dos ricos de Galiza, non chega nen ao 2% da fortuna que ten Amancio Ortega. É máis: só cun terzo dos 3.300 millóns de euros en que aumentou a súa fortuna en 2013 daría para comprar NGB.

Todas estas cifras indican até que punto a fenda salarial e social vai a máis en Galiza, nunha tendencia que xa era previa á crise. Unha desigualdade que nos estados que integran a OCDE (Organización para a Cooperación e Desenvolvemento) está na actualidade no seu nível máis alto dos últimos 30 anos. No Estado español o 10% da sociedade mellor situada económicamen- te gaña 15 veces máis que a media. Unha fenda que aumenta. Unha situación que é máis desigual aínda en Galiza. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística o noso país é o terceiro territorio do Estado co salario medio máis baixo (20.241 euros). Mais, lembremos somos o cuarto con máis ricos.

Cantos son e onde están os ricos galegos?

Só 139 galeg@s declararon no IRPF gañar máis de 600.000 euros anuais. Hai catro anos esa cifra era de 274. Desaparecen logo os ricos en Galiza? Non, máis ben, como a enerxía, 'transfórmanse'. As grandes fortunas non adoitan tributar a través do IRPF senón que prefiren facelo, e cada vez máis, a través das sociedades de investimento, co que pagan moito menos polo seu patrimonio persoal. Pagan un 1% de imposto de sociedades (unha pequena ou mediana empresa ten que abonar o 31 por cento) En Galiza hai 2.550 galeg@s que declararon ter ingresos anuais entre os 150.000 e os 600.000 euros. No outro extremo, 13.000 persoas recoñeceron non ingresar un euro. 

Publicado no Sermos Galiza nº83. Aínda o pode mercar na nosa loxa

 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios