Cultura non proporá musealizar o Bernando Alfageme

Declina colocar no Museo do Mar o buque alegando que "o propietario" é o Concello de Vigo e a esta institución corresponde, dixo Anxo Lorenzo, determinar o futuro deste ben patrimonial. 

@rla_1981
photo_camera [Imaxe @rla_1981]

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tivo que tomar posición a respeito do conflito orixinado en Vigo pola colocación do Bernardo Alfageme na rotonda do barrio de Coia. A pregunta foi formulada pola deputada do BNG, Carme Adán, quen inquiriu o secretario xeral a respeito da "opinión" que lle merece á Xunta a localización do buque e se pensa ou non que "musealizar" o barco sería unha alternativa máis acaída para un elemento do "patrimonio industrial e marítimo" galego como o Alfageme. 

E é que se trata dun buque construído no estaleiro vigués Hijos de Barreras constituíndo o único exemplar aínda conservado dos 10 barcos que foran construídos nas mesmas condicións. Aliás, salientou Carme Adán, posúe trazos que o tornan nun importante ben patrimonial como o uso da "arte de remachado" substituída hai décadas pola actual soldadura. Para a parlamentar do Bloque a musealización do Alfageme permitiría non só dar a coñecer a historia do barco senón tamén visitalo como parte da oferta de "turismo cultural" de Galiza.

O "propietario" é o concello 

Porén, Anxo Lorezo declinou posicionarse nun asunto que orixinou unha forte resposta veciñal durante 3 meses. Lorenzo referiuse ás mobilizacións sociais como unha "polémica" mais, dixo, "non podemos arrogarnos competencias que non nos corresponden". Desta maneira, o secretario xeral evitou erguer maiores muros entre o goberno local vigués, en mans do PSOE de Abel Caballero, e recalcou que "o propietario" do buque é o concello, "a el é a quen hai que pedir responsabilidades", acrecentou. 

Anxo Lorenzo afirmou que o propietario do Bernardo Alfageme é o Concello de Vigo polo que desde a Consellaría de Cultura "non podemos arrogarnos competencias que non nos corresponden"

Desde o grupo parlamentar do BNG defenderon a incorporación do Bernardo Alfageme como unha peza máis do Museo do Mar, cuxa xestión depende da Xunta. Un feito, subliñou Adán, que se repite noutras cidades do mundo con fonda tradición mariñeira. Viana do Castelo ou Glasgow contan con barcos que poden ser visitados como parte da cultura e patrimonio destes territorios. Tamén na Bretaña. 

Asesorar 

No entanto, embora ser viábel o traslado do buque até o museo --como lembrou a deputada nacionalista a partir dun informe elaborado polo propio museo-- Anxo Lorenzo recuncou en que esa non era tarefa do goberno galego. 

"A nosa intención foi tender pontes cara á procura da solución máis satisfactoria para a cidadanía e o patrimonio marítimo", porén, acrecentou Lorenzo, "non me consta que o goberno [local] quixese estabelecer contacto" para valorar outras alternativas que non fosen a rotonda de Coia. "O papel da Consellaría [de Educación e Cultura] debe ser de prestar todo o apoio e asesoramento en caso de o solicitaren" mais "non podemos arrogarnos competencias que non nos corresponden", sentenciou. 

Comentarios