ETHEL VáZQUEZ CUALIFICA DE "INCUESTIONáBEL" O LABOR DA CONSELLARíA

A Xunta acusa os Concellos de manter verteduras que contaminan a ría do Burgo

“Non é tempo de manifestos”, expón a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, que urxe os Concellos a asumir as súas competencias, que “son moitas”, para acadar o saneamento da ría do Burgo.

Ría do Burgo
photo_camera Ría do Burgo

A conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, sinala que “non é tempo de manifestos, que xa é pasado” e empraza os concellos a actuar e adoptar compromisos diante do estado da ría do Burgo. Así o apuntou nunha entrevista concedida a Radio Coruña despois de que tivera lugar a primeira reunión da mesa da ría entre os alcaldes da Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo e a Confraría de Pescadores.

A responsábel da Xunta de Galiza urxiu os municipios a avanzar no saneamento da ría a través da execución das súas competencias, das que apuntou que “son moitas”. Nesta liña, sinalou que os Concellos teñen que comprometerse a “solventar as incidencias que detectamos no plan de saneamento local da ría”. Foi neste momento cando advertiu da existencia de “filtracións nos colectores e verteduras directas”, acusando os Concellos de manter focos que acaban contaminando a ría do Burgo.

Malia a falta de investimentos por parte da Xunta de Galiza denunciada de maneira reiterada pola Confraría de Pescadores, Ethel Vázquez cualificou de “incuestionábel” o labor do Goberno galego ao respecto. Segundo datos da Confraría, a día de hoxe tan só traballan a pé na ría do Burgo unhas 100 mariscadoras e mariscadores, cando hai trinta anos traballaban unhas 2.000.

Comentarios