OFENSIVA CONTRA OS DEREITOS E LIBERDADES PúBLICAS

O xulgado investiga posibeis infraccións policiais na detención do despexo de Aríns

O xuíz instrutor inicia unha investigación ao entender que existen indicios de infracción na actuación policial.

15105424568_5888663933_z
photo_camera [Imaxe Galiza Contrainfo]

O xuíz instrutor que encabeza o proceso xudicial polo despexo dunha familia de Aríns (Compostela) decidiu o 6 de febreiro iniciar dilixencias previas contra, isto é investigar, a actuación policial desenvolvida por 5 axentes da policía española no desafiuzamento de Carlos e María o 19 de setembro de 2014. 

Así o decidiu após a denuncia presentada polo veciño de Compostela e activista de Stop-Despexos, Brais González, quen actuaba como mediador no conflito mais que foi detido e acusado xunto con outras 3 persoas dun suposto delito de desobediencia á autoridade e resistencia. Aliás, outras dúas persoas foron multadas e outras terían recibido nas últimas semanas sancións administrativas, segundo explican fontes de Stop-Desafiuzamentos Compostela. 

Na denuncia presentada por González asegura que "nada do relatado [no atestado policial] se axusta á realidade" e para o demostrar achega como probas dous vídeos gravados naquela xornada polos programas Correo TV e España Directo [minuto 53:10]. 

O activista sinala que non tería "rebasado o cordón policial" en ningún momento --como asegura a policía-- permanecendo entre este e a finca familiar. Un emprazamento acordado --en calidade de mediador-- co mando policial ao cargo do operativo. "Son os axentes os que se abalanzan sobre o denunciante sin motivo algún, primeiro un axente e despois catro máis, sin facer máis indicacións que a de: "estáte quieto" cando xa o estaba e sin que sirva de nada dicirllo", apunta a denuncia. 

"Son os axentes os que se abalanzan sobre o denunciante sin motivo algún, primeiro un axente e despois catro máis", sinala a denuncia presentada

Após incoar dilixencias previas, o xuíz instrutor do caso --que tamén leva o proceso das 4 persoas denunciadas pola policía-- deberá determinar se existiu infracción na actuación dos axentes, como asegura o activista. 

Concentración 

Polo momento, para a cuarte feira 18 de febreiro está prevista a vista oral do xuízo contra as 4 persoas que fixeron parte do muro popular que tentou evitar o desafiuzamento de Carlos e María. "Tentamos que se anulase porque o proceso é o mesmo" que o que atinxe os axentes, asegura González, "mais o xuíz insiste en que non". 

Ás 10.15h está convocada unha concentración de apoio e solidariedade ás portas do xulgado. O xuízo foi aprazado por defectos de forma nas citacións xudiciais o pasado 28 de xaneiro. A este proceso presentáronse máis de 300 autoinculpacións baixo o lema "Eu tamén estiven en Aríns". 

Comentarios