O RELATO POLICIAL INCORRE EN CONTRADICIóNS

Coia: visto para sentenza o xuízo contra Xurxo Romero

O proceso xudicial iniciado contra o veciño vigués Xurxo Romero, acusado dun suposto delito de agresións e atentado á autoridade, ficou esta terza feira (11 de febreiro) visto para sentenza. As declaracións policiais durante a vista contradín os acontecementos rexistrados en Coia polas cámaras.

Imaxes VigoDixital
photo_camera [Imaxes VigoDixital]

Na vista oral compareceron --para alén de Romero-- catro axentes da policía municipal e catro veciñ@s. O máis relevante do xuízo foi a existencia de contradicións entre os relatos policiais e o atestado e as imaxes tomadas na xornada do 7 de xaneiro.

Como recolle a reportaxe publicada no xornal VigoDixital, a versión dos feitos ofrecida pola policía municipal durante o xuízo e o propio atestado policial entran en contradición co testemuño de Xurxo Romero, da veciñanza concentrada na rotonda de Coia e mesmo coas imaxes rexistradas durante a xornada.

Romero reiterou que se declaraba inocente das acusacións e a súa avogada, Estlher Lora, demandou a súa absolución. Porén, a Fiscalía solicitou para el 30 meses de cadea (2 anos e medio) e 1.250 euros de indemnización polas lesións supostamente causadas a un dos axentes.

Nas declaracións que acompañaron a vista, os axentes aseguraron que cumprían ordes do concello cando procederon ao despexo das persoas concentradas na rotonda da rúa Castelao. No entanto, sinalaron que a retirada da veciñanza se desenvolveu sen violencia e sen oposición, de maneira pacífica --segundo recolle VigoDixital.

Esta versión contradí as declaracións veciñais e as fotografías onde se aprezan forcexeos e empurróns, como declarou Xurxo Romero. Da mesma maneira, o relato policial --recollido tamén no atestado-- sinala que Romero golpeou o axente que posteriormente o detivo coa man fechada empurrándolle a viseira do casco que bateu contra o seu nariz.

Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza, Xurxo Romero asegura que de maneira non intencionada --froito do forcexeo-- baixou a protección do axente mais que o fixo coa man aberta --como recollen as imaxes e como corroborou outro dos axentes durante a vista xudicial.

Así mesmo, o policía --que tamén denunciou ter sido agredido por Romero durante o momento da detención causándolle unha lesión no pulso-- entrou en contradición máis unha vez ao afirmar que o veciño do Calvario non levaba as mans inmobilizadas cando se procedeu ao seu traslado até o vehículo policial. De maneira que cando procedían a esposalo este tería agarrado a man do axente até o lesionar.

Esta versión non puido ser apoiada polos outros tres axentes que aseguraron non ter visto nada, embora acompañaren o policía e a Romero até o vehículo. No entanto, as imaxes rexistran que Xurxo Romero si levaba as mans ás costas cando foi sacado da rotonda.

Após a vista oral o xulgado conta cun prazo de 20 días para ditar sentenza.

Comentarios