A veciñanza de Sarria conmemora un ano mollándose polo río

Unha roteiro o sábado 27 conmemorará un ano de defensa do río e o seu patrimonio a través da Plataforma Sarriana polo río. 

sarria
photo_camera sarria

Un roteiro que sairá ás 11 da mañá do sábado día 27 e con saída na Ponte da Áspera conmemora o primeiro aniversario da creación da Plataforma Sarriana polo río e a loita da veciñanza pola defensa do seu patrimonio natural e histórico. “Subiremos dende a Ponte da Áspera polo regato de Cervos porque Sarria está impracticable. Os familiares que volvan por Nadal atópanse un Malecón que asemella un campo de batalla”, denuncian desde o seu facebook no que convidan a participar nesta iniciativa que é tamén conmemorativa da defensa da veciñanza do seu río que tivo neste ano os seus resultados. 

Salvar o patrimonio

Desde a Plataforma sinalan que, cando hai un ano botaron a andar a súa loita na denuncia das obras que non ían, segundo xa anunciaron daquela, solucionar os problemas de desbordamentos e ocasionarían, pola contra, graves prexuízos ao seu patrimonio “posibelmente non imaxinaban que, un ano despois tería que seguir estando en pe de alerta porque nada ou pouco ía trocar”. 

Malia iso, no outro lado da balanza sitúan os resultados, “salvar, ao menos temporalmente, este bosque de ribeira, a ponte da rúa Peregrino (á espera da decisión xudicial que se tome neste punto) ou a salvación definitiva da baranda de malecón”.  Lamentan a perda da ponte do Toleiro substituída polo que definen como un “atentado á intelixencia de todos os veciños de Sarria, unha ponte que é unha infamia e desperta xa as críticas de toas as persoas de boa vontade que non perderon o sentido común”. Acusan ao goberno municipal e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil ademais dos responsábeis das distintas Consellerías da Xunta de Galicia da desfeita e anuncian que seguirán “pelexando na defensa de Sarria”.

Comentarios