A veciñanza recorrerá a construción da A-57 autorizada por Fomento

O Consello de Ministr@s deu luz verde ás obras entre Vilaboa e A Ermida (Pontevedra). Desde 'Salvemos a Fracha' anuncian un recurso xudicial inminente contra o proxecto.

Salvemos a Fracha
photo_camera Salvemos a Fracha

Aproveitando o último Consello de Ministr@s de 2014 o goberno español deu luz verde a un dos tramos da A-57, un proxecto para a construción dunha infraestura que una a A-52 (Vigo-Ourense) coa AP-9. 

Trátase de 6,48 quilómetros de autovía que ao seu paso polos lugares de Vilaboa e A Ermida (Pontevedra). O custe cifrado en 86,31 millóns de euros prevé a construción de dous enlaces e quince estruturas entre as que se atopan catro viadutos, cinco pasos superiores e seis pasos inferiores. 

Desde o movemento veciñal organizado na Plataforma 'Salvemos a Fracha' amosaron o seu "estupor" após coñeceren a decisión do goberno español. Aseguran "non" entender "a présa que se deu o Goberno en dar luz verde á licitación desta infraestrutura ‘in extremis’ na última reunión do ano despois de máis dunha década de xestións falidas e cando aínda non hai ningunha noticia nin avance nos outros seis tramos da autovía". 

Desde 'Salvemos a Fracha' tildan de "despropósito" que se autorice e orzamente a construción deste tramo cando "dos outros tramos non hai ningunha noticia e moito nos tememos que queden sobre o papel e a obra non chegue a completarse nunca", apuntan nun comunicado de imprensa no que avanzan a presentación dun recurso xudicial no que exixirán a "paralización do proxecto". 

A plataforma xa presentou a Fomento hai dez días 15 mil sinaturas demandando que a construción da infraestrutura for freada. Nunha carta remitida á ministra xunto cos apoios recollidos califican a obra de "capricho político" e instan a investir o custe da A-57 á "liberalización" da AP-9. 

Comentarios