A veciñanza de Coia frea por terceira vez as obras na rotonda

O Concello ordenou reanudar os traballos durante a noite para evitar a oposición veciñal.

Coia
photo_camera [Imaxe Adrián R. Bravo]

O barrio de Coia non durmiu esta madrugada. Por volta das once da noite operari@s municipais tentaron --por orde do Concello de Vigo-- avanzar nas obras da rotonda na que o goberno municipal quere situar un barco de comezos de século. Por terceira vez a veciñanza mobilizouse e conseguíu paralizar  os traballos. En asemblea as persoas concentradas na rúa Castelao acordaron convocar unha manifestación esta sexta feira (12 de decembro) coa que amosar o seu rexeitamento a un proxecto que custará 300 mil euros. 

Pouco máis de media hora puideron traballar @s operari@s encargados das obras na rotonda da Rúa Castelao, no barrio vigués de Coia. En canto as máquinas comezaron a retirar a terra a veciñanza concentrouse de novo para impedir que o concello coloque o barco Bernardo Alfageme. E xa van tres veces. 

A veciñanza convoca unha manifestación o día 12 para amosar o seu rexeitamento ao proxecto
 

Entre o "despilfarro" e a "demagoxia"

A veciñanza denuncia o "despilfarro" que supón gastar 300 mil euros públicos na colocación dun buque e a "aleivosía" coa que está a proceder o goberno de Abel Caballero ao re-iniciar as obras durante a noite. "É inmoral" gastar ese diñeiro na iluminación e colocación da nave, apunta a veciñanza "cando hai tantas familias pasándoo mal, ás que se lle denegan as axudas", sinalan. 

Porén, desde a equipa de goberno acusan a veciñanza de practicar "a demagoxia" e de constituír un "movemento político" e non "cidadán", afirmou o concelleiro de Fomento, David Regades, quen insistiu en salientar a importancia das obras na rotonda como un "recoñecemento" ao Bernardo Alfageme, unha exemplo, dixo, do "patrimonio industrial" vigués. 

Comentarios