O EDIFICIO, DE ALTO VALOR ARQUITECTóNICO, TEN 80 ANOS

Un enorme valado publicitario pendura da torre da estación dos camiños de ferro da Coruña

Unha lona publicitaria dunha empresa automobilística viste estes días dous laterais da torre do edificio que alberga a estación de ferrocarril de San Cristovo, na Coruña. A publicidade, de grande impacto visual, chama a atención das persoas usuarias e das transeúntes.

Estación ferrocarril
photo_camera Estación ferrocarril

De seguro Antonio Gascué Echevarría, o enxeñeiro que en 1927 deseñou a estación dos camiños de ferro da Coruña, non gostaría de contemplar este edificio singular enfeitado coa lona de grandes dimensións que arestora anuncia un vehículo dunha empresa de automoción. Esta publicidade atópase en dúas das caras da fachada da torre de San Cristovo, a que dá contra a rúa Joaquín Planells e a que dá contra a Rolda de Outeiro.

O cartaz publicitario chama a atención das persoas usuarias do tren e das transeúntes quer  polo seu tamaño quer polo impacto visual que provoca na edificación, un inmoble concluído en 1935 cunha arquitectura única entre as estacións que poden atoparse no Estado español. De feito, a estación de San Cristovo, de estilo racionalista, garda certo parecido coa Estación Central de Helsinki.

A ordenanza municipal da Coruña esixe autorización

A ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior recolle no seu artigo 8.1 que “con independencia das prescricións estabelecidas nos artigos anteriores poderanse denegar aquelas solicitudes de licenzas nas que o Concello, no uso das súas competencias en materia de defensa do patrimonio urbano e o seu medio, e por consideracións de índole estética, estimase precisa a preservación dos espazos interesados”.

Ademais, recolle no artigo 8.2 que “non se tolerarán en ningún caso, as instalacións que se pretenden situar nos edificios catalogados como Monumentos Histórico-Artísticos polo Ministerio de Cultura ou con nivel de protección integral polo Concello, ou na contorna dos mesmos, cando menoscabe a súa contemplación, nin as que produzan graves distorsións na paisaxe urbana ou natural”.

Con independencia do citado, o artigo 16 da ordenanza estabelece que “os actos de instalación de carteleiras están suxeitos á previa licenza municipal e mais ao pagamento das correspondentes exaccións fiscais”. De feito, o artigo 30 da ordenanza considera como infracción grave “a instalación de carteleiras sen licenza municipal ou sen axustarse ás condicións da mesma”.

Adif di que non se rexe pola ordenanza municipal

Preguntado por Sermos Galiza ao respecto, o departamento de Prensa de Adif pon de manifesto que non se solicitou licenza ningunha e cita a Lei de Ordenamento de Transportes Terrestres para xustificalo. Segundo Adif, a publicidade nos exteriores dos edificios que acubillan os camiños de ferro é unha práctica común e sobre ela pesan tan só as normativas internas e mais a citada lei, que data de 1987 e contén numerosos preceptos derrogados a día de hoxe.

Pola súa banda, preguntado por Sermos, o Goberno municipal da Coruña está recollendo os datos oportunos para dar conta da situación administrativa e para ofrecer a súa valoración.

Comentarios