O TSXG obriga o Arsenal de Ferrol a devolver o dereito de redución de xornada a dúas nais militares

O Tribunal lembra ao exército que "a administración non ten potestade discrecional ilimitada".

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de comunicarlle á Asociación Unificada de Militares Españois –AUME- a sentenza pola que se lle devolve a dúas nais militares o dereito a quedar exoneradas de “gardas, servizos, manobras e actividades análogas” por terlles sido concedida a redución de xornada por garda legal de fillos menores de 12 anos. 

O alto tribunal galego ratifica deste xeito a sentenza emitida en primeira instancia polo xulgado do contencioso administrativo de Ferrol contra a que recurriran os servizos xurídicos do Arsenal de Ferrol. AUME cita textualmente partes do contido dunha sentenza que lembra que a “Administración non ten potestade discrecional ilimitada”, nin sequera cando invoca “necesidades do servizo”, e subliña que o uso desa “facultade discrecional debe acomodarse en todo caso ao marco regulado”. 

Fronte a argumentos xenéricos e certamente peregrinos como as “necesidades do servizo” ou a “externalización de servizos”, a sentenza do TSXG esixe unha “concreción individualizada” para cada caso, para evitar que, na práctica, os militares sexan obrigados a “elixir entre a súa familia e a súa carreira”. A delegación galega de AUME lembra que coa “política do Ministerio de Defensa de aplicación extrema e inxustificada da dispoñibilidade permanente para o servizo” está provocando que os profesionais militares estean a ser discriminados a respecto do restos dos empregados públicos en materia de conciliación persoal, familiar e laboral e, nesa liña, refírese á orde ministerial 121/2006 que “aproxima a situación laboral dos militares  á do resto dos traballadores da Administración xeral do Estado”.

Comentarios