Tatoos sobre o asfalto

Carballo presenta unha iniciativa que enche os pasos peonís con frases que chaman ao riso. En Lalín, o novo goberno tamén apostou na ornamentación das rúas através destes espazos. 

Tatoo
photo_camera [Imaxes Concellos de Carballo e Lalín]

As persoas teñen tres peles. Unha é a que lle cobre a osamenta e a alma. Outra é a familia. E a terceira é o lugar, a vila ou a cidade na que vive. A metáfora sérvelle ao creador Santi Pazos para presentar a iniciativa Ruar e Rir, que dende a pasada fin de semana está a encher os pasos de peóns carballeses con frases que chaman ao riso prendidas da poesía.

Mentres as dúas primeiras pelicas son para nós os terreos dos afectos, ás que coidamos con mimo, a terceira adoitamos identificala como espazo hostil, de tráfico, presas, apuros e hostilidades. Hai uns días, os pasos de peóns de Carballo apareceron cheos de tatoos con mensaxes positivas. A iniciativa, “Ruar e rir”, pretende sacarnos o sorriso cando imos pola rúa. Con frases ideadas polo artista e sociólogo carballés Santi Pazos, a colaboración do colectivo Crea arte con formas e o apoio da concellaría de Promoción Económica de Carballo, a idea quere contribuír a embelecer a vila ao mesmo tempo que sacar dos museos a cultura e facela asequible a todo o mundo.

Unha octoxenaria conversa coa artista que se afana no mural que está a pintar na rúa. Unha nai e a súa filla recúan ao ver con sorpresa que, sobre o asfalto que a diario pisan, agora uns versos convídanas a ler. A ruta do colesterol, a que seguen aquelas persoas fieis á consigna  menos prato e máis zapato, modificouse na vila para pasar á beira dos murais da iniciativa de arte urbana “Derrubando muros con pintura”.  Cun deses murais de fondo, o da carrapuchiña feroz que está pintado na parte traseira da agora ludoteca (unha escola construída nos anos vinte do pasado século), unha parella fai as súas fotos de voda. 

Ao igual que as persoas, todas as vilas teñen os seus atractivos, aínda que non cumpran cos cánones de beleza de moda, lembrou o ideador da iniciativa, Santi Pazos, na súa presentación en roda de prensa. A vila de Carballo non conta con grandes atractivos arquitectónicos nin con casco histórico, porque sufriu, ao igual que outras moitas vilas, a desorde urbanística da segunda metade do pasado século. Mais si ten un gran atractivo, como recordaron na presentación da iniciativa o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira: o seu potencial humano, unha sociedade viva e dinámica que se da a ver nas numerosas iniciativas que as asociacións e o tecido cívico carballés levan adiante.

Até que o bote de spray dure, estas frases cheas de mimo cubrirán os pasos peonís carballeses, sinalan desde o goberno de Carballo


Até que o bote de spray dure, estas frases cheas de mimo cubrirán os pasos peonís carballeses. O caderno de Santi Pazos está cheo delas. Moitas están pensadas ex profeso para o lugar no que foron pintadas. Como as interxeccións orgásmicas  no calellón da rúa Jacinto Amigo Leira que lembra os agochos que chaman ao pracer. Ou a frase “Fasme cóxegas” xusto diante da ludoteca onde @s cativ@s rin, o “Ler entre liñas” diante da nova biblioteca do Rego da Balsa, ou o “Vés e vas como as ondas do mar” que se pode ler á beira da rotonda do centro comercial, de camiño a Razo e pretiño dunha escultura de coñecido gravador carballés Manuel Facal.

Non é a primeira vila ou cidade que leva adiante unha iniciativa deste tipo. Fíxose en Madrid, en Murcia o na Coruña, mais Carballo marca a diferencia porque é a primeira vez que algo así se se leva adiante, non de maneira alegal, senón co apoio das institucións, neste caso locais. “Sementando agarimos, recollemos bicos”, di outra das frases. Así é no espazo privado. Así, tamén, ao menos en Carballo, na pelica do espazo público.

Pola súa banda, o goberno de Lalín, encabezado polo propio alcalde, Rafael Cuíña, tamén desenvolveu nas pasadas semanas unha recuperación dos pasos peonís. Neste senso, o executivo local quixo pór en valor a música pintando un teclado de piano. 

Comentarios