San Sadurniño organiza o III Encontro de autoprotección contra a violencia machista

Con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o concello organiza un calendario de actividades.

San Sadurniño
photo_camera San Sadurniño

San Sadurniño inicia esta fin de semana un ciclo de actividades co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Desde a área de Igualdade, a equipa municipal desenvolverá diversos actos e encontros que buscan "concienciar" perante un dos "grandes" problemas sociais que atinxen o noso tempo. 

Neste senso, as actividades que propón o Concello de San Sadurniño visan implicar o conxunto da veciñanza, maiores e crianzas, mais tamén proporcionar ferramentar para "combater" a violencia e promover unha sociedade sen discriminación. 

A programación enceta este sábado (15 de novembro) co III Encontro de auto-protección perante a violencia de xénero. Un obradoiro organizado co fin de fornecer as participantes de "ferramentas psicolóxicas" que "permitan adiantarse a unha situación potencialmente violenta, pero tamén ferramentas físicas que axuden a defenderse no caso de que esa situación se produza". 

A actividade será impartida pola Asociación pola Igualdade e a Coeducación (APICO) e que vai xa pola súa terceira edición. Profesionais especializad@s en psicoloxía e defensa persoal amosaran estratexias e métodos para loitar contra a violencia machista mais "non se trata de combater violencia con máis violencia, senón de ir sempre un paso por diante para asegurar que sexa a muller quen manteña o control en todo momento, confiando nas súas capacidades e deixando o medo a un lado", explican desde o concello. 

Para facer parte do obradoiro desde San Sadurniño animan a se incrivir através do telefone 981 490 027 (15 prazas). 
 

Concurso literario

Asemade, como complemento, nesta edición a equipa municipal propón unha actividade de conciliación para crianzas entre 6 e 14 anos. A actividade visa traballar sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero, a corresponsabilidade e a coeducación. 

Doutra banda, a programación complétase coa convocatoria do III Concurso de relatos 25 de novembro. Unha actividade dirixida á comunidade educativa do concello e impulsada polo departamento de Educación e Igualdade xunto coa equipa de dinamización lingüística. 

Finalmente, o propio 25 de novembro desenvolverase unha ofrenda floral en lembranza das mulleres asasinadas nos parterres da Casa do Concello. 

Comentarios