Pontevedra continúa a impulsar o seu proxecto de planta de compostaxe

Este proxecto reabre o debate sobre un outro modelo de xestión dos residuos.

Compost

Polo de agora é un proxecto en proceso de construción mais avanza a paso firme. A idea dun outro modelo de xestión dos residuos partiu da Deputación de Pontevedra mais o concello da cidade do Lérez está a ser o seu principal impulsor. 

A creación dunha plante da compostaxe na que xestionar os residuos orgánicos daqueles municipios que así o decidiren, pon riba da mesa --máis unha vez-- modelos alternativos á incineración. 

Trátase dun proxecto pequeno --10 hectáreas-- que visa o levantamento dunha planta na que xerir os residuos sólidos orgánicos da provincia. Após un acordo unánime da comunidade de montes da Canicouva, a súa construción prevese neste emprazamento, á espera de formalizaren algúns "matices técnicos" como a cesión en réxime de aluguer do terreo, explica César Mosquera (BNG), concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra. 

A planta localizarase na parroquia de Canicouva após decidilo por unanimidade a comunidade de montes

Por situaren na Canicouva as instalacións, a parroquia --através da comunidade-- recibirá 2 mil euros ao ano por hectárea durante un período de 30 anos prorrogábeis. Un feito que permitirá producir aproximadamente 15 mil toneladas de composta logo da clasificación e tratamento de aproximadamente 70 mil toneladas de residuos, como capacidade máxima. 

Composta para o monte

A composta ou compost producirase através do tratamento do lixo con miñocas e del obterase un produto que será usado como abono para o monte, mais tamén para uso agrícola. En Pontevedra hai 4 mil hectáreas de monte que no 2006 padeceron fortemente a vaga de incendios forestais que asolagou o país. O proceso de xestión dos residuos orgánicos completarase coa incorporación dos restos derivados da propia limpeza forestal, o que permitirá "manter coidado" este espazo. 

Desde o concello pontevedrés aseguran que o seu obxectivo é traballar a prol dun terceiro eixo logo de tornaren a cidade do Lérez na "máis ecolóxica" de Galiza através do seu modelo urbano e de saneamento da ría. Agora, con esta iniciativa, queren pular por un outro modelo de xestión dos residuos baseado na reciclaxe doméstica e na compostaxe comunitaria. 

Mais a proposta non está exenta de polémica e críticas. Desde as ringleiras do Partido Popular e do PSOE están a cuestionar a viabilidade do proxecto. Desde o goberno local aseguran que "as dúas dificultades principais" foron pór de acordo administracións "gobernadas por distintos partidos", a comezar pola propia Deputación, en mans de Rafael Louzan e o Partido Popular. Logo, atopar unha localización para a instalación da planta. 

Con esta iniciativa, din desde o Concello de Pontevedra, "a veciñanza saberá que os seus residuos non contribúen ao cambio climático através da incineración"

A APDR pide espazos de participación veciñal

Superados eses dous chanzos, César Mosquera asegura que a iniciativa é beneficiosa para a veciñanza de Pontevedra e tamén dos seus arredores. "Van saber que os seus residuos non contribúen ao cambio climático através da incineración" ou dos vertedoiros pois serán tornados en abono natural. Aliás, explica, "está asociada á mellora do monte" e "á súa conservación", o que diminuirá as "probabilidades de incendio" e mesmo axudará a paliar as consecuencias destes. 

Ambas as dúas administracións --Deputación e Concello-- prevén que a planta estexa pronta para funcionar a mediados de 2017. Neste senso, fica pendente a aprobación dun plan de viabilidade e o deseño do propio proxecto para a súa licitación. Neste senso, desde a Asociación para a Defensa da Ria de Pontevedra (APDR), un dos colectivos máis dinámicos da comarca, lanzan un chamamento ás institucións para abriren un proceso de participación veciñal na conformación da planta e dun modelo de xestión de residuos provincial. Pois, din, "consideramos que gran parte do éxito na implantación de calquera sistema de xestión de residuos sólidos urbanos (RSU) sostíbel, depende da colaboración e do grado de participación real da cidadanía".

Comentarios