A plataforma veciñal de Coia denunciará a tenente de alcalde de Vigo por chamalos “nazis”

Preparan unha acusación conxunta por inxurias e calumnias contra Carmela Silva, ante as descualificacións da número dous municipal lanzadas contra os protestos veciñais. 

Protesta en Coia
photo_camera Protesto en Coia


A Asamblea Aberta de Coia acordou presentar a vindeira semana unha denuncia por inxurias e calumnias contra a tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva. Prepara un escrito conxunto ante as descualificacións da número dous municipal, que tachou de “nazis e violentos” as veciñas e veciños que participaron dos protestos contra a colocación dun barco nunha rotonda do barrio vigués. Perto dunha vintena de persoas sumáronse polo momento á denuncia. 

Silva lanzou esta polémica declaración o pasado 31 de marzo na rede social Twitter. Horas despois de facerse pública, e ante o aluvión de críticas, decidiu eliminala mensaxe da súa conta oficial. "É moi grave que unha tenente de alcalde fale neses termos dunha loita onde participa xente de todas as idades, animada por persoas do barrio que levan anos na defensa dos dereitos sociais. As nosas accións pacíficas e desobedientes foron respondidas primeiro con mentiras e logo con represión", declaran dende a Asamblea. 

As consecuencias da loita veciñal

Non era a primeira vez que cargos do Concello cualificaban abertamente a veciñanza de Coia de “violenta”. Durante os dous meses de loita, o grao de criminalización foi en aumento, denuncian dende a Asamblea. Tanto nas declaracións como nas actuacións policiais, que remataron con 230 axentes, entre antidisturbios e municipais, custodiando o buque Bernardo Alfageme até a rotonda de Coia.

O goberno local mantén unha vixilancia policial permanente na rotonda dende hai catro meses malia estar instalado e inaugurado o Alfageme. 

Hoxe, coa obra rematada e inaugurada, o goberno local mantén unha vixilancia policial permanente sobre o Alfageme. Decenas de veciñas e veciños foron identificados, lesionados e sancionados durante os protestos. Un deles, Xurxo R., foi condenado xa a un ano de prisión; mentres que Diego L. agarda xuízo por similar acusación.

Malia as consecuencias individuais, dende a Asamblea de Coia insisten nos motivos que impulsaron as mobilizacións: a falta de políticas sociais e a precaria situación dos servizos públicos municipais, que provocan atrasos continuos na tramitación das axudas. 

Comentarios