Piden unha consulta popular sobre os usos definitivos para os terreos do porto da Coruña desafectados

A CIG alerta da “especulación xigantesca” que, afirman, se agocha nos peiraos e o resto dos terreos portuarios.

coruña finisterre hotel

“É moito o que está en xogo: solares, edificios, bens públicos que son de todas e todos nós e que non poden ser obxecto de tramas especulativas ou componendas políticas, como aconteceu durante o vazquismo”, advertían en rolda de prensa o Secretario Comarcal, Xabier Filgueria, e o Secretario comarcal de Organización, Xesús Bermello, do sindicato CIG. A central, que faiu parte da Comisión aberta en defensa do común,  pide que se celebre unha consulta popular sobre os usos definitivos aos que a cidadanía quere que se destinen os peiraos e o resto dos terreos do Porto desafectados.

O sindicato nacionalista enmarca a actuación nestes terreos con outros procesos que hai na cidade, como os referidos á poxa aberta das parcelas do Campo da Estrada polo Ministerio de Defensa. A isto engádese a intención da Autoridade Portuaria de vender os terreos da Solana e do Hotel Finisterre. Para a CIG, un paso previo para “o grande bocado” que suporá a venda dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería: 433.000 metros cadrados de dominio público que, de non evitalo a mobilización social, “serán privatizados e entregados á especulación inmobiliaria para a súa edificación”. 

“Ante este espolio, é preciso que a cidadanía tome conciencia do saqueo ao que está sometida a Coruña e se mobilice para frear esta sangría especuladora”, afirmou o Secretario Comarcal da CIG, animando a participar na concentración convocada para estaquinta feira, 7 de abril, ás 20:00 horas, na Avenida Metrosidero.

Comentarios