Piden 3 anos de cadea para un activista da Asemblea de Coia por "agresións"

O xuíz decidiu abrir un xuízo ordinario como solicitou a defensa. Terá lugar o 4 de febreiro.

vigo
photo_camera [Imaxe @VigoDixital]

Após escoitar as partes o xuíz decidiu abrir un procedemento ordinario que culminará o vindeiro 4 de febreiro. 

Xurxo, activista da Asemblea aberta de Coia enfronta unha acusación de 3 anos de cadea por un suposto delito de "atentado á autoridade" e "agresións". 

Este veciño vigués foi detido na xornada de onte (7 de xaneiro) cando se atopaba na rotonda de Coia xunto unha ducia de activistas máis. Segundo o informe policial Xurxo tería agredido supostamente a un axente polo que foi prendido e levado a comisaría. Após ser posto en liberdade con cargos notificóuselle a abertura dun xuízo rápido.

Segundo puido saber Sermos Galiza a Fiscalía pide 3 anos de cadea para Xurxo. Pola súa banda, a defensa demandou a abertura dun xuízo ordinario, como finalmente resultou, para garantir o dereito á lexítima defensa e achegar probas e testemuños que corroboren a versión do acusado. 

Comentarios