O pequeno comercio de Vigo cuestiona o proxecto de Porto Cabral

Arredor dun cento de representantes do comercio de Vigo e comarca xuntáronse para avaliar o macrocomplexo comercial previsto en Porto Cabral. O pequeno comercio cuestiona o proxecto e a súa opacidade. 

Porto Cabral
photo_camera Porto Cabral

A Platafoma de Comercio Autónomo, que agrupa comerciantes de distintos sectores, realizou a pasada sexta feira unha xuntanza na que puxeron en cuestión o proxecto dun macrocomplexo comercial en Porto Cabral, segundo informa o xornal Vigodixital. 

Na xuntanza déronse cita comerciantes de diversos sectores non só de Vigo senón tamén de Redondela e Mos, que se senten directamente afectados polo proxecto como se sentiu na xuntanza na que se criticaron os efectos negativos dun complexo como o que Eurofunds prevé instalar en Cabral. Segundo sinala Vigodixital, criticaron que o planeamento urbanístico que permitiría a súa creación tiña como punto de partida unha “aposta por un crecemento desmesurado da cidade” distinto ao que se vive na actualidade. 

A presidenta da Asociación de Comerciantes do Calvario, Encarna Álvarez fixo fincapé na xa saturación na comarca de grandes superficies comerciais que supoñen, ao seu ver a destrución de cinco empregos no pequeno e mediano comercio por cada un que se xera nas grandes áreas. 

Criticas ao proxecto

Á marxe da defensa do comercio pequeno e mediano da comarca, as persoas reunidas na xuntanza do sector criticaron tamén o proxecto do fondo de investimento Eurofund para Porto Cabral porque, ao seu ver, contra a promesa de respecto ao medio ambiente, supón un malgasto de enerxía cun deseño no que inclúe un lago artificial navegábel e unha pista de ski. Reclamaron tamén transparencia contra a opacidade do proxecto e esixiron o coñecemento de datos do proxecto como a procedencia dos fondos de investimento, os negocios que se implantarán ou o tipo de empregos que se van impartir. Para iso, convidarán a unha vindeira xunta a representantes dos grupos políticos para que expoñan a súa postura antes das eleccións municipais. 

Comentarios