Novo corte de tráfico pola néboa na A-8, onde Fomento segue sen dar solucións

A Autovía do Norte non está operativa á altura da Xesta poucos días despois de que o alcalde de Mondoñedo volvese pedir de Fomento e a Xunta unha actuación contra este problema crónico.

a8 autovia
photo_camera a8 autovia

De novo, os millóns que custou a A-8 revélanse como fonte dun problema nun treito desta infraestrutura pola provincia de Lugo. A mala visibilidade por mor da presenza de néboa obrigou a cortar de novo a Autovía do Cantábrico, á altura da Xesta. 

Segundo informaron fontes da Dirección General de Tráfico (DGT), a vía permanece cortada en ambos sentidos desde as 05:25 desta madrugada entre os puntos quilométricos 536 e 552. Así mesmo, ante o corte total debido á incidencia da néboa na estrada, o tráfico de vehículos está sendo desviado pola N-634 á espera de que melloren as condicións meteorolóxicas.

O tramo desta autovía que une Mondoñedo e Abadín provocou diversos problemas pola formación de néboas, como un accidente múltiple o pasado mes de xullo que se cobrou a vida dunha persoa. O alcalde de Mondoñedo esixiu constantemente ao Ministerio de Fomento solucións para esta circunstancia, que por agora non foron atendidas. A pasada semana, o rexedor, Orlando González, protestou polo desinterese de Fomento e Xunta mostrando un cartel reivindicativo de solucións á A-8 durante un acto xunto a Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo.

Comentarios