Negreira pagou máis de 14 mil euros á imprensa por "información e entrevistas"

O grupo municipal do BNG fixo públicas as facturas que elevan os custos das Festas de María Pita para alén dos 2 millóns de euros.

Carlos Negreira
photo_camera Carlos Negreira

Os documentos aos que accedeu a organización frontista datan de hai uns meses. No concreto, refírense aos gastos das festas locais de María Pita mais continúan a engordar o montante de diñeiro público que o goberno de Carlos Negreira (PP) destinou ás actividades dos festexos municipais. 

No concreto, trátase de 14.374,8 euros pagados pola equipa de goberno a distintos medios de comunicación en concepto de "información e entrevistas". En tres pagamentos o Concello da Coruña contratou espazos radiofónicos para que @s concelleir@s fosen entrevistad@s. Nun primeiro pagamento, do que dá conta o BNG, o goberno de Negreira achegou 6.534 euros a "unha soa empresa", denuncian, e noutra 3.920,40 euros. En ambos os dous casos a cadeas de radio ás que se lles encomendou a emisión de conversas con responsábeis polític@s locais. Aliás, outra factura revela o pagamento de 3.920,40 euros para difundir as actividades das Festas de María Pita. 

Os dados publicados polo BNG após recibir as facturas "súmanse a outras sete que acordan aboarlle un total de 39.462,94 euros en concepto de publicidade", explican @s nacionalistas. Un feito que fai ao grupo municipal do Bloque preguntarse "até cando van seguir aparecendo facturas que demostran gastos en festas?". 
 

Máis de 2 millóns de euros

Nun comunicado de imprensa a organización frontista lembra que "só o IMCE leva gastados 1.898.211 euros nas festas de María Pita (cartos aos que  aínda hai que engadirlle un total de 14 concertos cuxo custo descoñecemos a día de hoxe, os gastos que achega o concello a través do Consorcio de Promoción para a Música, que realizou tres concertos, da Banda Municipal de Música e da Escola Municipal de Música, do laminado en madeira do escenario de María Pita, de máis publicidade...)". O que elevaría o custe para alén dos 2 millóns de euros

Segundo o BNG, os pagamentos realizados polo goberno local reflicten "a fonda preocupación do Sr. Negreira por vender a súa imaxe na Prensa e por transformar en propaganda a súa nula xestión á fronte do Concello da Coruña". 

Comentarios