Negreira desoe a veciñanza e expulsa do pleno familias do Ofimático

O alcalde da Coruña ordenou desaloxar o salón de plenos após as críticas da veciñanza atinxida polos despexos no Ofimático. 

Ofimático_BNGCoruña
photo_camera [Imaxe BNGCoruña]

"Quedamos na rúa, sen casa, sen cartos e endebedados", aseguraba unha das veciñas do Ofimático da Coruña após ser desaloxada da Casa do Concello por orde do alcalde, Carlos Negreira (PP). Varias persoas atinxidas polas obras do Parque Ofimático, en Elviña, acudiron esta terza feira (18 de novembro) ao pleno municpal para exixiren unha solución ao goberno local perante o inminente desafiuzamento dunha das familias. 

"Non nos dan alternativa, non nos reciben e non teñen ningún contacto con nós", denuncia a veciñanza que recibiu a Negreira ao berro de "Ofimático solución", "dimisión", "ladrón" e "corrupto". Decontado e antes mesmo de dar comezo a sesión o rexedor coruñes ordenou á policía municipal o despexo da veciñanza.

A veciñanza de Elviña recibiu o alcalde, Carlos Negreira, ao berro de "ladrón" e "corrupto"

Á saída, unha das manifestantes denunciou a "violencia" coa que foron expuls@s. "Malos modos" e "empurróns" foron a resposta do alcalde ás demandas dunha veciñanza que está a piques de ficar sen fogar como é o caso de Álvaro, a súa nai Isabel e as súas crianzas. 

"Quedamos sen casa e endebedados" con cifras que roldan os "200 mil euros", explicou outra das veciñas atinxidas polo plan do Ofimático. "O concello non dá a cara", denuncian
 

A "burbulla inmobiliaria"

E é que para este mes de novembro está previsto que se proceda ao desafiuzamento de Álvaro e Isabel. A súa morada debe ser derrubada para construír unha ponte. "A casa de Álvaro e Isabel nin sequera está do lado no que se vai edificar o Parque Ofimático, senon que se atopa na outra marxe da Avenida Alfonso Molina. Esa zona, segundo o plan, destinaráse a 'equipamento', sen especificar de que tipo, nin en que condicións, nin por que resulta tan importante como para botar a unha familia da súa casa", explican desde a Plataforma Stop-Desafiuzamentos Coruña

Stop-Desafiuzamentos convoca unha concentración o 20 de novembro xunto a vivenda de Álvaro e Isabel, en Elviña

"O Plan Ofimático é a resaca dunha burbulla inmobiliaria que se levou todo por diante, incluíndo, de paso, os nosos dereitos máis básicos. A día de hoxe é un solar en construción que non resulta apetecible nin para as propias empresas construtoras, que prefiren agardar a que as circunstancias lles sexan máis propicias", acrecentan. Así é que van "máis de 7 millóns de euros de cartos públicos" gastados na execución deste Plan, e apenas está comezando", subliñan. "Todo ese diñeiro viría ben para garantir necesidades básicas da xente como a alimentación, a saúde e a vivenda, para evitar o auxe da pobreza na nosa cidade", sentencian. 

A quinta feira (20 de novembro) está convocada unha concentración xunto á vivenda de Isabel e Álvaro --a carón da pasarela peonil que pasa por diante de Alfonso Molina-- para rexeitar a política do goberno local do PP e, ao tempo, amosar a solidariedade veciñal coas familias de Elviña ameazadas polos despexos. 

Comentarios