SOLIDARIZáBANSE COA VECIñANZA NA LOITA CONTRA A INSTALACIóN DO BERNARDO ALFAGEME

Multas por tocar a buguina na rotonda de Coia

Varias persoas recibiron sancións económicas por se solidarizaren coa veciñanza de Coia tocando o claxón dos seus vehículos.

Multa Coia
photo_camera [Imaxe Asemblea aberta Coia]

A Asemblea aberta de Coia e o movemento anti-represivo Ceivar denunciaron através das redes sociais as multas que o Concello de Vigo enviou a diversas persoas nos últimos días. 

Segundo a notificación administrativa estas persoas terían empregado "sinais acústicos sen motivo regulamentariamente admitido" polo que se califica como "leve" a falta e sanciónase con 45 euros

Estas multas non lles foron comunicadas in situ ás persoas atinxidas polas mesmas para "non crear risco á circulación", sinala o documento remitido e, en ambos os dous casos aos que tivo acceso Sermos Galiza, localízanse na "rotonda Alcampo" sita na avenida Castelao de Vigo. Este emprazamento acolle desde hai máis dun mes protestos pola colocación do barco Bernardo Alfageme prevista polo goberno local de Abel Caballero. 

As persoas multadas amosaron a súa solidariedade co movemento veciñal despregado na zona facendo soar as buguinas dos seus vehículos. Desde a Asemblea aberta de Coia afirman que se trata de "medidas brandas" destinadas á "disuasión da protesta". "Nada innovador...." matizan através da súa conta en Facebook. 

Comentarios