A mobilización evita o fechamento de camas no hospital de Conxo

A área de Psiquiatría contará coas 15 camas que a Xerencia da área sanitaria de Compostela prevía desmantelar no verán.

Movemento galego de saúde mental
photo_camera [Imaxe Movemento galego de saúde mental]

Após as denuncias do persoal e do Movemento galego de saúde mental, a Xerencia da área sanitaria de Compostela vén de confirmar que manterá disponíbeis todas as camas coas que actualmente conta Psiquiatría. 

"É unha moi boa nova. É motivo de satisfacción e orgullo para os profesionais que se mobilizaron na defensa dos dereitos asistenciais sanitarios dos cidadáns, da sanidade pública, dos recursos de asistencia á saúde mental  e dos dereitos d@s traballador@s", sinalan nun comunicado de imprensa desde o Movemento galego de saúde mental. 

Porén, tamén denuncian os "feitos extremadamente graves" acontecidos nesa mesma área do Complexo hospitalario universitario de Santiago (CHUS) onde, sinalan, o xefe de Servizo arricou os "cartaces" e "faixas" que pendurara o cadro de persoal contra os recortes e o feche de camas. Accións, sinalan desde o MGSM que "atentan contra a liberdade de expresión" e reflicten unha "conduta grave, daniña para a convivencia, lesiva para os dereitos fundamentais e laborais, e inaceptable nunha sociedade democrática". 

Os acontecementos xa foron postos en coñecemento da dirección do hospital "a través dos procedementos administrativos previstos para tal efecto", explican. 

Comentarios