Manzaneda consegue recuperar o comedor escolar

O concello asumirá a xestión a partir do 1 de febreiro após meses de protestos e negociacións.

Manzaneda
photo_camera [Imaxe osil.info]

A mobilización tivo os seus froitos no Concello de Manzaneda. Finalmente, a administración local asumirá a xestión do comedor escolar e porá fin ao servizo de cátering contratado pola Consellaría de Educación, cerne das queixas das familias. O servizo será municipalizado e contará de novo con cociña propia e cun xantar que non percorra ducias de quilómetros até chegar ao prato. 

Con esta cesión por parte de Educación ponse fin a un conflito que se prolongou durante meses e através do que as familias e o propio concello demandaban o mantemento da praza de cociña após a xubilación da traballadora. Mais desde a Xunta aseguraron a finais do pasado curso que isto non sería así argüíndo que unha normativa interna exixe un mínimo de 25 estudantes para garantir a praza. 

Perante a negativa da administración a Anpa deixou de levar as crianzas á escola e despois --de volta nas aulas-- ían xantar á casa en troca de facer uso do catering. Merendas populares e concentracións á porta do centro completaron o abano de accións desenvolvidas para exixir a recuperación, non só do comedor escolar, senón do posto de traballo e dunha comida saudábel. 

Após o acordo alcanzado entre as partes, a partir do vindeiro mes de febreiro Manzaneda contará de novo con servizo de comedor, iso si, baixo xestión municipal. 

Comentarios