MANUEL VARELA, CONCELLEIRO DE DESENVOLVEMENTO LOCAL, PARTICIPACIóN VECIñAL E XESTIóN INTERNA.

“Hai moitas iniciativas e proxectos pulando por un rural diferente e con futuro”

San Sadurniño acolle este sábado a VII edición da Feira Rural, un encontro que se consolidou como escaparate das posibilidades e iniciativas do rural. Un paso máis na aposta deste pequeno concello polas posibilidades da economía rural e sustentábel.

Manuel Varela San Sadurniño
photo_camera Manuel Varela

San Sadurniño acolle este sábado a VII edición da súa Feira Rural, “un escaparate do outro rural posíbel”, en palabras de Manuel Varela, concelleiro de Cultura e participación Veciñal e Turismo deste pequeno concello gobernado polo BNG. Un encontro que pivota sobre as posibilidades e posta en valor da economía do rural e do “aproveitamento sustentábel” mais que engade un programa completo de actividades para todas as idades: desde obradoiros, exposicións, mercado, concertos, visitas guiadas, concursos de froita autóctona, xogos... E todo iso, relata Varela, “nun marco privilexiado: ás beiras do Xubia e na zona do Pazo da Marquesa”.

- A Feira Rural de San Sadurniño quer ser, din, “un encontro que pretende poñer en valor as posibilidades da economía rural e aproveitamento sustentábel”.

- Pois por aí vai a intención, si. A Feira queremos que sexa o escaparate desas políticas e iniciativas que acreditan noutro rural posíbel, un rural vivo e con futuro; queremos que sexa unha mostra de iniciativas e proxectos que se fan en diferentes eidos, desde a apicultura até a agricultura ecolóxica... Hai moitas cousas en marcha que merecen ser coñecidas e que son moi positivas, como por exemplo os mercados de temporada. En definitiva, nós acreditamos nun rural vivo e hai alternativas e proxectos que traballan nesa dirección.

- E a Feira quer facer parte diso...

- Baséase niso mais despois ten un completo programa de actividades e propostas para todas as idades. Hai concertos, visitas guiadas, exposicións, concursos, obradoiros... Mais o alicerce é o rural. Por exemplo, unha das citas importantes é o concurso de froita. É asombroso como a xente abraia ao ver os cestos con froita autóctona (mazás, pexegos, peras...), comentan que ben arrecende e que cor ten... e despois preguntan onde se pode mercar. E, por desgraza, non se pode mercar en ningures, non a hai no mercado. Gostaria que algún día pase coa froita o que pasou co mel, que de se vender en feiras pasou a se vender etiquetado, en tendas...

"Cremos nunha economía do rural, aproveitando as potencialidadades e niso traballamos dentro do que se pode desde un concello pequeno..."

O ano pasado veu a esta Feira moitísima xente, moita. Nós o que procuramos é que os produtores sexan os protagonistas. Queremos que a xente vexa que o rural non é só leite e patacas, sendo moi importantes, senón que hai moitas cousas, iniciativas a facer co mel, coa agricultura ecolóxica...

- Cando naceu esta Feira en 2009 pensaban que ía ter tal percorrido e tal éxito?

- Debe ser que son optimista, pero vía posibilidades desde un principio. Polo entorno, pola potencialidade do rural. Comezamos, aos poucos, chegamos a onde estamos, con máis de cen produtores implicados e en cada edición con novas propostas e iniciativas.

- A crise do leite, a desertización poboacional... volven poñer sobre a mesa as dificultades para o futuro do rural galego. Pódese facer fronte desde un Concello a ese negro futuro que pintan para o rural?

- Eu creo que si. Partimos dunha cousa: hai que crer. Se cres, tes medio camiño andado. Apostamos por proxectos de reciclaxe, de compostaxe, polos paneis solares, agora estamos a probar nalgúns puntos coa recollida porta a porta... e hai que dicir que a acollida da veciñanza a estas iniciativas foi positiva. Cremos nunha economía do rural, aproveitando as potencialidadades e niso traballamos dentro do que se pode desde un concello pequeno...

Comentarios