De loito pola dinamización da Casa da Xuventude de Ourense

Cunha concentración o vindeiro 15 de maio a plataforma en defensa deste espazo xuvenil pulará pola recuperación deste "referente sociocultural".

Casa da Xuventude

A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude de Ourense iniciará o 15 de maio mobilizacións a prol da reactivación deste espazo xuvenil na cidade das Burgas. 

Denuncian a parálise da actividade cultural e xuvenil que este centro acollía por mor da "burocratización" das xestións e da actitude que mantén Mercedes Valeiras, antiga directora da Casa e actual coordenadora de actividades. 

Neste senso, reivindican a recuperación deste "referente sociocultural" público e xuvenil que, din, "desde a chegada de Mercedes Valeiras" viviu o "desafiuzamento" da xuventude. 

"O seu mandato, por riba da dirección do lugar, implicou que toda actividade que non fose do seu agrado morrese, ou ben marchase", denuncian. 

A primeira acción prevista será unha concentración ás portas da propia Casa da Xuventude baixo o lema 'A mocidade está de loito'. Coa mobilización visan "facer ver o baleiro ao que este espazo se viu sumido nos últimos tempos, rematando con toda canta actividade houbo". Aliás, Saíndo á rúa queren animar a máis persoas a se xuntar na defensa da Casa da Xuventude e defender que volva ser "o espazo democrático e aberto que foi". Será ás 20h. 

Comentarios