MANTENSE A PROHIBICIóN EN FERROL

Levantada a prohibición de consumir auga da billa en Narón, Ares, Mugardos e Fene

A Xunta de Galiza vén de levantar a prohibición de consumir auga da billa nos municipios de Narón, Ares, Mugardos e Fene. Porén, mantén a de Ferrol logo dos resultados das últimas análises do Laboratorio de Saude Pública.

Tras dous días afectada pola excesiva cantidade de trihalometanos, a veciñanza de Narón, Ares, Mugardos e Fene pode consumir auga da billa. E é que as últimas análises deron niveis de entre 54 e 87 microgramos por litro de trihalometanos.

Porén, en Ferrol mantense a recomendación de non consumir auga da billa, tal e como informa a Xunta de Galiza a través da súa delegada na Coruña, Belén Do Campo. O Goberno galego convocou para hoxe os cinco rexedores de Ferrolterra afectados para dar conta dos resultados das analíticas e para estudar os pasos a seguir.

No día de onte, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, pediulle á Xunta de Galiza que poña en marcha o Platerga para garantir medios humanos e materiais e mais o subministro de auga. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou a proposta do alcalde ferrolán e respondeulle que “non se trata de activar plans alegremente”.

Comentarios