Inundacións e carencias marcan a abertura do novo hospital de Vigo

O Álvaro Cunqueiro inundouse após a súa inauguración por mor dunha avaría. As organizacións sindicais advirten das carencias de persoal e material.

O proxecto estrela da Consellaría de Sanidade do goberno Feijóo. Así foi presentado unha e outra vez o novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, por parte do executivo malia as críticas polo modelo de xestión concertada que, de facto, supuña --segundo as forzas da oposición e os sindicatos-- a privatización dun servizo público. 

Horas despois da súa inauguración, o complexo hospitalario ficaba con varios corredores da planta 0 á zona A do aparcadoiro inundados. Unha avaría obrigou o persoal a tirar de caldeiros, toallas e fregona para achicar a auga. 

Días despois, un falso teito víñase abaixo caendo riba dun doente, que tivo que ser atendido --para alén da súa doenza-- polo dano causado polo derrubamento. 

taquilla

Á falta de persoal e carencias materiais denunciadas polas centrais sindicais súmanse mesmo a escaseza de espazos, neste senso, traballadoras e traballadores denunciaron através das redes sociais a dimensión das taquillas disponíbeis nos vestiarios nas que apenas colle unha cazadora de verán. 

As críticas increméntanse día a día e non só no referido ao servizo hospitalario tamén ao feito de que o aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro é de pago, no concreto, 1,2 euros a hora ou a posibilidade de optar a un bono mensal de 60 euros (pacientes e familiares) ou de 40 euros para o cadro de persoal. “En todos os demais hospitais públicos hai unha alternativa para os que non queren pagar por aparcar… aquí non, aquí só é posible deixar o coche no aparcadoiro e pagar por iso, non hai un espazo gratuíto no que estacionar”, denuncian. 
 

Comentarios