A indignación do sector do mar coa Xunta prende na Ría de Arousa

Asembleas con nutrida afluencia na Illa e Rianxo para expresar o descontento e malestar de mariscadoras e rañeiros coa xestión da administración. A “nefasta” xestión da Consellaría do libre marisqueo está no albo das críticas dun sector que nesta Ría representa case 4.000 empregos.

Parquistas mar

Primeiro foi na Illa de Arousa, a finais de agosto, cun salón de actos cheo até a bandeira de mariscadoras, parquistas e rañeiros, colectivos que teñen na extracción de berberecho e ameixa o seu medio de vida. Despois foi en Rianxo, a comezos de setembro, cun Auditorio ateigado e con autobuses procedentes doutros concellos levando xente a un acto impulsado plolas once confrarías da Ría. E xa hai unha nova cita, en Cambados, que se prevé de afluencia masiva.

O motivo deste ferver de asembleas e xuntanzas masivas é o descontento existente no sector do mar coa Consdellería do Mar, un descontento que, como teñen recoñecido patróns como o de Carril, José Luis Villanueva, foi callando durante estes anos até que agora está a exteriorizarse. Son varios anos con campañas de libre marisqueo perdidas e a deste ano semella seguir o mesmo camiño. E sen que a Xunta mova ficha, acusan desde o sector.

De feito, as confrarías da Ría de Arousa mesmo consideran que a conselleira xa non é unha interlocutora válida e que ten que ser o propio presidente da Xunta o que ten que asumir a responsabilidade de sentar as bases para solucionar un problema que afecta a milleiros postos de emprego directos nas comarcas bañadas polas augas arousás: Barbanza e O Salnés.

Cómpre lembrar que, en base aos propios dados da Xunta, na Ría de Arousa hai 1.704 permisos para marisqueo a pé e hai 1.700 embarcacións con permiso para mariscar a flote. De media, e nunha campaña de libre marisqueo, a bordo dunha desas embarcacións traballan 2 'rañeiros'. Son pois, máis de 4.000 empregos directos en xogo.

Mortandade e contaminación

Hai tres campañas un virus matara case todo o berberecho existente en Arousa, un recurso chave para este sector. Confrarías e mariscadores consideran que a administración apenas actuou para solventar este problema, un desleixo que tamén lle achacan en eidos como a loita contra a contaminación das augas ou da presenza de depredadores.

A isto engádense outras cuestións, como que non se acabade de poñer o ramo ao proceso de regularización da cabalaxe de embarcacións ou ben obrigas como a de levar a bordo determinado material.


 

Comentarios