O CONCELLO PIDE Á SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO QUE "IMPIDA" O CONCERTO

Un forte dispositivo policial rodea a rotonda de Coia

Máis dunha vintena de axentes despregáronse na rotonda para mover o valado das obras. A veciñanza ve no dispositivo "un ataque" do Concello.

Coia
photo_camera [Imaxes VigoDixital]

Até catro unidades do Grupo Operativo de Apoio e máis de dez axentes da policía municipal --segundo informaron fontes presenciais-- desprazáronse ao mediodía desta terza feira até a rotonda do barrio de Coia para proceder ao desprazamento do valado das obras. 

Esta medida foi ordenada polo concello logo de vinte días de protestos argüíndo complicacións no tránsito da rúa, onde se sitúa un hipermercado. Embora a primeiras horas da mañá axentes da policía municipal decidiron non actuar perante o rexeitamento da veciñanza concentrada, por volta das 15.00h o goberno de Abel Caballero decidiu despregar un forte dispositivo que incluía axentes especiais. 

Desde a Asemblea veciñal de Coia alertaron á veciñanza e emprazaron ao maior número de persoas a se achegaren até a rotonda para evitar que operarios da construtora puidesen mudar o perímetro. E é que o movemento veciñal conta no carril fechado ao tránsito cun punto de vixianza permanente. 

A veciñanza ve no dispositivo policial "un ataque" de Caballero

Fontes da asemblea aseguraron a Sermos Galiza que o operativo despregado visa "dificultar a protesta" da veciñanza desprazándoa até o interior da rotonda, actualmente enlamada por mor das obras. "É un ataque" do concello, aseguran

Até o momento o dispositivo policial mantense na rotonda até onde se desprazou unha ambulancia após un ataque epiléptico sufrido por unha das persoas concentradas. 
 

O concello solicita que se "impida" o concerto solidario

Através dun escrito remitido á Subdegación do goberno español o alcalde vigués, Abel Caballero, demandou que se disponibilice a policía para "impedir" a celebración dun concerto solidario previsto para as 19.00h desta terza feira (23 de decembro). 

No texto aseguran que o evento é "ilegal" e demandan das autoridades españolas que garantan a "seguridade" cidadá. Neste senso, afirman fontes consultadas pola axencia de noticias Europa Press, a equipa de goberno viguesa afirma que de ter lugar o concerto a Policía local non podería facer fronte "á gravísima desorde e risco para a circulación de póns e vehículos" que carrexaría.

Comentarios