As máquinas derruban a Casa da Reza

Por volta das 12:40h da mañá comezaron a destrución da vivenda de Rosa e Miguel. 

carlaovz(2)
photo_camera [Imaxes @XMriel e @carlaovz]

Malia a protesta veciñal as máquinas procederon ao derrubamento da vivenda de Rosa e Miguel por volta do mediodía. Ao longo de toda a mañá ducias de persoas concentráronse no predio e diante do Concello de Ourense para tentar frear a orde xudicial que foi executada polo goberno local, en funcións. 

Esta cuarta feira (10 de xuño) policía anti-disturbios e axentes da Local acudiron á Casa da Reza para proceder ao despexo das persoas que acompañan a Miguel e Rosa, a familia propietaria desta vivenda sobre a que pesa unha orde xudicial de derrubamento. 

O despregamento policial acompañou a comisión de técnicos municipais que portaban a orde asinada polo goberno en funcións de Ourense e mediante a que se prevé a execución do derrubo, adiada a pasada semana após a demisión do xefe de obra. 

A uns poucos metros da casa mantéñense concentradas ducias de persoas que se achegaron até o lugar para amosar a súa solidariedade con Rosa e Miguel mais ás que lles foi impedido o achegamento a menos de 5 metros da vivenda. Entre elas, a imprensa que --segundo informou o xornalista da Radio Galega Alfonso Cid-- acudiron á Subdelegación do goberno para denunciar o impedimento aos medios de comunicación para desenvolveren o seu traballo. Un feito que xa fora denunciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza nun intento anterior de derrubo. 

No interior do predio xa se atopan unha grúa e unha pala. Pola súa banda, a veciñanza acudíu ao pleno municipal para amosar o seu rexeitamento ao derrube. 

O alcalde en funcións, Agustín Fernández, asegurou en comparecencia de imprensa que "só está a cumprir unha orde do xuíz". "Non hai nada máis que facer, só cumprir a lei", acrecentou. 

Comentarios