A Fiscalía ve indicios de irregularidades nas obras da rotonda de Coia

Admite a trámite a denuncia presentada pola asemblea veciñal e solicita ao Concello de Vigo o contrato das obras na rotonda.

Coia(1)
photo_camera [Imaxe Asemblea aberta de Coia]

Na terza feira (29 de xaneiro) a Asemblea aberta de Coia ratificou nos xulgados de Vigo a denuncia presentada perante a Fiscalía por presuntas irregularidades na contratación das obras da rotonda. 

Segundo o Ministerio fiscal existen indicios para investigar un suposto delito de prevaricación, subornos, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos na contratación por parte do Concello de Vigo dos servizos de Civis Global, como denuncian desde o movemento veciñal. 

Neste senso, a xustiza solicitou xa á administración local que achegue o expediente municipal correspondente ás obras na rotonda da avenida Castelao. No concreto, este requerimento produciuse o 21 de xaneiro e agardan que sexa respondido polo goberno de Abel Caballero (PSOE) nas vindeiras semanas. 

A Fiscalía investigará un presunto delito de prevaricación, suborno e tráfico de influencias

Desde a asemblea de Coia relataron á Fiscalía as súas sospeitas de que o Concello dividise as partidas para ocultar o custo total da obra saltándose así os procedementos administrativos. Unha fórmula --irregular-- coa que o executivo vigués tería sorteado a convocatoria dun concurso público para asignar o proxecto. 

Pola súa banda, as alarmas sobre a empresa contratada --e parte denunciada tamén-- Civis Global, saltaron após coñecerse o seu historial. Co seu anterior nome, MovexVial foi condenada no proceso 5 Jotas por emitir centos de facturas falsas.

Comentarios