A APDR REXEITA A PRóRROGA

As estatuas de Pontevedra, contra a prórroga da concesión de Ence Elnosa

A Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra vestiu no día de onte as estatuas da cidade do Lérez con consignas contra “a chantaxe de prorrogar a concesión de Ence Elnosa máis alá de 2018”.

APDR
photo_camera APDR

A APDR vestiu as estatuas de Pontevedra con lemas contra a prórroga da concesión de Ence Elnosa máis alá de 2018, unha prórroga que, en palabras da organización ecoloxista, “impediría definitivamente a recuperación da Ría de Pontevedra, das nosas praias, da calidade de vida e da economía da comarca”.

Nun comunicado, a APDR salienta que a economía de Pontevedra “ten que ir da man da explotación racional dos recursos naturais e do turismo, unha economía sustentábel no tempo e incompatíbel coa presenza deste complexo na ría”.

A entidade acusa Ence de “provocar o paro de forma directa, indirecta e inducida: a destrución de emprego no complexo é evidente e así o confirman as denuncias sindicais, como é evidente a destrución do medio, dos recursos e o emprego nos sectores ligados ao turismo, ao mar e ao monte”. “Ninguén pode negar que todos estes sectores poderían ter un desenvolvemento racional quen de sacar á comarca da crise económica se se lle sacase o freo que supón a presenza do complexo en Lourizán”, conclúe a Xunta Directiva da APDR.

Comentarios