MANIFESTACIóN POPULAR

Esixen prazos concretos para o saneamento da ría do Burgo

Varios centos de persoas participaron na marcha popular convocada pola Plataforma para a defensa da ría do Burgo para esixir un calendario de actuacións reais que dean pé a un plano de rexeneración da ría, o dragado, tratamento, limpeza e retirada de lodos.

ríaburgo
photo_camera ríaburgo

A Plataforma para a defensa da ría do Burgo convocou este mediodía na Casa das Palmeiras do Temple (Cambre) varios centos de persoas para participar na mobilización popular pola rexeneración da ría.

Entre as peticións das persoas manifestantes atópase un calendario de actuacións reais, publicadas no DOG e no BOE, para garantir o plan de rexeneración da ría. Só desta maneira, asegura o colectivo convocante, se farían realidade os centos de promesas incumpridas dos distintos gobernos centrais do PP e do PSOE e mais do Goberno de Feijóo. E é que malia os reiterados anuncios sobre estudos, licitacións e dragado de lodos, a ría do Burgo permanece como estaba.

Sancións contra os vertidos

Ademais, a Plataforma solicitou a firme aplicación de sancións aos causantes directos e indirectos de vertidos á ría do Burgo e a finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os importantes focos de contaminación que aínda existen nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, que verten directamente na ría do Burgo.

As persoas manifestantes, entre as que se atopaban representantes do colectivo de mariscadores e mariscadoras, reivindicaron un plan de rexeneración medio ambiental que inclúa, amais da limpeza integral da ría para o gozo e lecer do pobo, a recuperación dos bancos de marisco, con liñas de axuda ao cultivo e á produción. Na mesma liña, demandaron a elaboración, por parte do Goberno central e da Xunta de Galiza, dun plano urxente de axudas ao marisqueo para que, mentres non se produza a eliminación dos vertidos, se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueira.

Comentarios