Adían 48 horas o derrubamento d'A Reza

[ACTUALIZACIÓN 13:30H] O Concello nomea unha nova persoa para dirixir a obra e dá 2 días á familia para abandonar a vivenda. Ducias de persoas concentráronse desde primeira hora da mañá para evitar o derrubo da edificación. 

MaltratoPaisaxe
photo_camera [Imaxe @MaltratoPaisaxe]

Após a renuncia do director de obra o goberno en funcións de Ourense decretou unha nova persoa para que execute o derrubo da Casa de Reza sobre a que pesa unha orde xudicial. 

Aliás, fixou un período de 48 horas para que a familia abandone a vivenda. 

Durante a mañá deste 4 de xuño vivíronse momentos de forte tensión entre o numeroso cordón policial que alindaba o predio e as ducias de persoas que se concentraban ás portas da casa para tentar frear o derrubamento. 

O CPXG denuncia a actuación policial 

Neste senso, o Colexio de Xornalistas emitiu un comunicado de imprensa no que "condena a actuación da policía". "Os corpos de seguridade impediron o acceso ás inmediacións do predio e dificultaron o traballo dos informadores desprazados até ali", sinalan. 

"A presenza dos profesionais da información onde acontecen os feitos é un requisito indispensable para que poidan cumprir o seu labor de informar á cidadanía", lembran. "Deste xeito, a actuación policial de hoxe non só foi completamente desproporcionada, senon que significa un ataque frontal a liberdade de información e comunicación". 

O director de obra renuncia

Por volta das 11:00 da mañá o director de obra responsábel da execución da sentenza xudicial presentou a súa demisión e rexeitou facer parte do derrubamento da vivenda. Representantes do goberno municipal, en funcións (PSOE), procuran xunto co xulgado novas persoas que asuman a dirección do derrubo. 

Neste senso, fontes consultadas por Sermos Galiza sobre o terreo aseguraron que o avogado da familia tenta, cando menos, adiar a execución da orde de derrubamento ao implicar a mudanza na dirección da obra unha nova redacción do proxecto. 

Porén, numerosos axentes da Policía española e da local permanecen arredor da vivenda onde se atopan por volta de 60 persoas solidarias. 

A Casa da Reza

Após varias ordes de derrubo adiadas, a policía acudíu esta quinta feira (4 de xuño) até A Reza (Ourense) para executar a sentenza xudicial que fixa a demolición da vivenda unifamiliar propiedade de Rosa Alonso e Miguel Fernández. 

Ducias de persoas acudiron até a morada e instaláronse no seu interior para tentar frear a destrución desta peza de vangarda ideada polo arquitecto Fernando Blanco. Nos últimos días, divers@s artistas de Galiza tornaran a vivenda nun museo achegando múltiples obras de arte ao seu interior á fin de evitar que a sentenza se executase. Da mesma maneira e através da sinatura dun manifesto, 59 arquitect@s de todo o país reclamaron ao Concello de Ourense que frease o derrubo que "vai truncar dramática e inutilmente a vida da familia". 

Asemade, explicaban no texto, a demolición non traerá "ningún beneficio nen para a sociedade nen para a paisaxe" pois supón un "fatal erro" ao destruír "unha peza de arquitectura que amosa de maneira exemplar a unidade posible entre o ser humán e o territorio que habita". 

O conflito xudicial

A orde xudicial é o remate dun conflito iniciado por volta de 1992 cando un veciño de Alonso e Fernández exixiu a destrución da morada construída a 50 metros da súa. Segundo o PXOM vixente naquela altura este feito non se axustaba á legalidade polo que o goberno local autorizou a edificación da Casa da Reza e denegou a do denunciante que acudíu posteriormente á Comisión provincial de Urbanismo da Xunta para obter a autorización. 

Após concedérenlla exixíu o derrubamento da de Rosa Alonso e Miguel Fernández por estar construída acarón da súa con menos de 50 metros de distancia entre ambas. 

Comentarios