A dobre vara de medir do Concello de Compostela á hora de fixar sancións

O grupo municipal do Bloque denuncia o proceder do goberno local nos casos de Clece e o gandeiro da Sionlla. "Distintas concellarías, distintos alcaldes mais o mesmo modus operandi", afirman. 

Pazo de Raxoi
photo_camera Pazo de Raxoi

A decisión da equipa de goberno compostelá de sancionar con 500 euros a un gandeiro da Sionlla polas bostas das súas vacas á porta da casa dun veciño continúa no albo das críticas. 

Para alén das queixas suscitadas pola aplicación dunha ordenanza muncipal "concibida para o medio urbano", sinalan desde o BNG de Santiago, @s nacionalistas denuncian que o goberno local aplicase unha "sanción simbólica" a unha empresa concesionaria encargada da xestión da gardaría municipal, mentres, procede á "aplicación desproporcionada de recursos" contra o sector agropecuario compostelán. 
 

Oito meses para Clece, 3 para o gandeiro

O caso de Clece --empresa concesionaria da xestión da gardaría municipal-- serviu á edil do Bloque, Elvira Cienfuegos para exemplificar a "dobre medida" que aplica o Concello de Compostela á hora de sancionar.

O Concello de Santiago tardou ""6 meses desde que se emitiu o primeiro informe e 8 desde que comezaron as denuncias" en iniciar o expediente contra Clece", denuncian

Con motivo da multa imposta polo goberno local a Jorge Piñeiro, gandeiro da Sionlla, Cienfuegos recuperou o caso da empresa pertencente ao grupo ACS. A administración dirixida por Conde Roa, Ángel Curras e agora por Agustín Hernández tardou "6 meses desde que se emitiu o primeiro informe e 8 desde que comezaron as denuncias" en iniciar o expediente contra a concesionaria polas carencias e deficiencias na prestación do servizo que lle fora contratado por 400 mil euros ao ano. 
 

3 mil euros a unha concesionaria, 500 a un gandeiro

As denuncias por parte da comunidade educativa e as familias repetíanse desde agosto de 2013 en que encetara a concesión, porén o concello non resolveu até outubro sancionar a Clece con 3.005,06 euros.

“Dise que por falta grave, pero aplican o mínimo, é dicir, o mesmo que o máximo previsto nunha falta leve”, sinalou Cienfuegos ao tempo que lembrou a cantidade requerida pola administración a Piñeiro, 500 euros por ensuxaren as súas vacas unha vía de uso agrogandeiro. “Unha sanción que non é proporcionada nin aos danos nin aos riscos que a presenza transitoria de deposicións bovinas no medio rural poida causar”, sentenciou. 

“Moita máis dilixencia e dedicación amosou o Concello no caso da gandeiro da Sionlla, cuxas vacas  ensuciaban coas súas deposicións a vía pública ao seu paso por diante da casa dun veciño do lugar”, explicou. "As denuncias do veciño tiveron unha resposta tan inmediata que as reiteradas visitas da Policía local producíanse xusto despois do paso dos animais".

En troca, hai que recordar que o Concello “non cursou visita de inspección ás escolas infantís até que foi público o informe da Xunta de Galiza que poñía de manifesto a insuficiencia de persoal a respecto do mínimo esixíbel”, critican @s nacionalistas. 

Comentarios