Denuncian a “poda salvaxe” que fai perigar unha árbore senlleira en Castro de Rei

O Eucalipto do Maná, en Castro de Rei, pode ser a primeira árbore senlleira en ser descatalogada. Así o cren ADEGA e FRUGA que denuncian a “poda salvaxe” que rebaixou á metade a súa altura e pode mesmo causar a súa morte. 

Resultado da poda
photo_camera Resultado da poda

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) máis a Federación Rural Galega (FRUGA) denuncian diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o Seprona e o concello de Castro de Rei o que definen como “poda salvaxe e indiscriminada do coñecido como “Eucalipto das Lombas” ou “Eucalipto do Maná”, situado na Casa de Ordax na parroquia de Santo Estevo de Loentia. 

A árbore, que forma parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, sufriu, segundo denuncian as dúas entidades, “unha das podas máis drásticas das que se teñen practicado en árbores singulares”, coa que se rebaixou a máis de metade a súa altura e envergadura, cunha actuación que, segundo estiman, afecta aos valores polos que foi catalogada como exemplar protexido. A poda pode ocasionar non só que deixe de ser considerada árbore senlleira senón que , segundo explican, pode producir tamén a morte da árbore. 

A poda pode ocasionar non só que deixe de ser considerada árbore senlleira senón que pode producir tamén a morte da árbore. 

Adega, membro do Comité Asesor das Árbores Senlleiras, sinala que non ten constancia de que se emitise autorización nin informes oficiais para realizar a poda polo que esixe que se investigue e se determinen responsabilidades. Descoñece a asociación ecoloxista a que orde responde a tala mais esixen da Xunta, responsábel da conservación e protección das árbores senlleiras, unha resposta a este ataque do patrimonio natural. 

Unha árbore sobranceira e singular 

Adega cualifica o Eucalipto do Maná como un dos “máis sobranceiros do país”, cunha dimensión descomunal que acadou os 45 m. de altura e os 35 de diámetro cunha figura recoñecíbel na Terra Chá e visíbel en varios quilómetros ao redor. As medidas do tronco son tamén excepcionais, con 9 metros de perímetro que chega a alcanzar os 11 na base. “Son xustamente estes trazos únicos, peculiaridades e atributos relativos ao seu porte, fisionomía e monumentalidade, así como o seu valor estético e histórico, os responsábeis de que forme parte do Catálogo galego de árbores senlleiras desde o momento mesmo da súa constitución en 2007”, sinalan desde Adega. 

Lembran tamén que o Eucalipto das Lombas superou na súa historia diversas ameazas como a que pesou sobre el durante a II Guerra Mundial no que o mando militar temía que a árbore interferira na actividade do aeródromo de Rozas. En 2008 a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo que xestionaba o aeródromo solicitou tamén en 2008 ao Ministerio de Defensa a súa tala. Tanto nun como noutro caso os propietarios conseguiron salvar a árbore das ameazas. 

Comentarios