Denuncian a intención de fechar 15 camas na área de Psiquiatría de Conxo

O Sergas defende que é un "encerramento estacional" mais desde Movemento galego de saúde mental exíxenlle a Sanidade que rectifique e advirten do "agravamento" das condicións de saúde mental da poboación.

Movemento galego de saúde mental
photo_camera [Imaxe Movemento galego de saúde mental]

Xa é tónica xeral nos últimos anos que cando se achegan as datas de verán se anuncie o feche de camas hospitalarias. Desde a Consellaría de Sanidade e o Sergas atribúen a decisión ao período estival e á redución de persoal froito das vacacións. 

Neste senso, para 2015 Sanidade prevé a desmobilización de 1.200 camas, segundo os dados que manexan as centrais sindicais. De entre elas, 15 das 50 que posúe a Unidade de hospitalización psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo en Compostela. Unha área que ten padecido os recortes de maneira notábel, que atinxe un colectivo vulnerábel e que no pasado ano xa se víu atinxida por un outro intento de fechamento de camas, daquela no Gil Casares, tamén na capital galega.

"Conseguise frear", lembra Alberte Araúxo en conversa con Sermos Galiza "grazas á mobilización do persoal" hospitalario. Un feito que queren conseguir de novo. 

Araúxo sitúa a redución de camas disponíbeis á "política xeral" do Sergas e a Consellaría de Sanidade que procura "reducir os índices de hospitalización". Un obxectivo que conseguen con "presións" para "limitar os ingresos" e "aumentando a axilidade das altas hospitalarias" mesmo cando @s doentes precisan dunha estadía maior. 

Así, se no pasado ano a taxa de ocupación en Conxo era "do 85%-90%" a esta altura de 2015 sitúase "entre o 70% e o 75%". O que se suma á "retirada de recursos para persoas con trastornos mentais graves" que son as que precisan de hospitalización. 

"Temémonos que o feche estacional permitirá transmitir a idea de que sobran 15 camas das 50 que temos" 

Agrávanse as condicións de saúde mental 

Alberte Araúxo tilda de "conto chinés" os argumentos do Sergas e da Xerencia de Compostela por atribuíren o fechamento de camas ao período estival. "Temémonos que o feche estacional permitirá transmitir a idea de que sobran 15 camas das 50 que temos" mais o certo é que este tipo de doenzas non están condicionadas pola estacionalidade e mesmo se reflicte un repunte de acordo cos últimos indicadores. 

"As condicións de saúde mental da poboación téñense agravado", apuntan desde o colectivo galego que sinala o "aumento dos trastornos psíquicos, o incremento dos suicidios, a elevación do consumo de psicofármacos" e tamén "a maior morbi-mortalidade daqueles que sufren trastorno mental grave". Unhas condicións que se repiten naquelas formacións sociais atinxidas polas consecuencias da crise económica, nomeadamente polo desemprego e o empobrecemento. 

"Defendemos que haxa unha rectificación por parte da xerencia" e "que recúe", explica Araúxo. 

Comentarios