“Defensa actúa na Coruña como unha gran inmobiliaria a especular con patrimonio público”

A Comisión aberta en defensa do común convoca para esta quinta unha concentración contra a poxa polo Ministerio das parcelas da Maestranza. Falamos con Ricardo Vales Agra, un dos integrantes da plataforma.

maestrazga

Esta quinta feira, ás 20:00 horas, hai unha concentración convocada a carón do Cuartel de Atocha en rexeitamento da poxa polo Ministerio de Defensa de 3 parcelas, que a Comisión Aberta considera bens patrimoniais da cidade ao tempo que demenda que non se especule con eles e se destinen a acoller equipamentos públicos. Falamos con Ricardo Vales Agra, integrante da Comisión.

- Denuncian que o Ministerio de Defensa fai especulación pública con terreos de patrimonio público..

Estamos a falar duns terreos que historicamente son comunais. Cando o Ministerio denunciou que ía vender estas tres parcelas convocamos un acto público, un acto do que saiu unha comisión aberta e plural e a intención de pelexar por reverter as intencións de Defensa. Estase a vender o patrimonio da Coruña e estano a facer as institucións! Xa non só Defensa, senón tamén a Autoridade Portuaria para vender os terreos do Solera e Hotel Finisterre.

ricardo vales agra

- É un bo lote de terreos, logo

A nosa estratexia é intentar que os promotores vaian á poxa, que Defensa puxo un prezo de saída de case 25 millóns de euros. Mais disque xa hai interesados nas parcelas. Nós o que queremos é que o Ministerio de Defensa devolva á Coruña, á cidade, eses terreos, para neles facer equipamento público, quer centros de ensino ou sanitarios ou sociais... Se para parar a especulación con todos estes terreos que son comúns haiq ue modificar o PXOM, que se modifique, mais non pode ser que se siga a vender A Coruña. E todo isto, por un goberno en funcións!

Que o Ministerio, que é un ente público, intente facer negocio con patrimonio público é un escándalo. E ademais, cun goberno en funcións!

- Non é a primeira vez que A Coruña ten que vivir unhas poxas do que denominades terreos comúns, non é?

Efectivamente. Todo isto xa vén dun convenio asinado en 1984 polo primeiro goberno de Francisco Vázquez co Ministerio de Defensa, sendo ministro Narcís Serra. Houbo poxas de terreos do cuartel de Zalaeta e do se San Amaro, entre outros, que foron adquiridas por inmibiliarias. Eran tempos nos que tiñamos na cidade unha Corporación moi proclíbel a eses intereses. O dos terreos que Defensa pon agora á poxa vai por aí. E non esquezamos que son comunais! E que mesmo están rexistrados no ámbito dos Bens de Interese Cultural (BIC), a Xunta tería que dicir ou facer algo. Que o Ministerio, que é un ente público, intente facer negocio con patrimonio público é un escándalo.

- Embora que hai pouco que se activaron, neste tempo xa pularon en diferentes ámbitos para intentar parar estas poxas

Estamos centrándonos en, por dicilo así, dous ámbitos, o institucional e o social. No institucional, con escritos e denuncias do que se pretende facer. Ademais, xa pedimos que no vindeiro pleno municipal se trate o tema a través do 'escano cidadán', co que un membro da nosa plataforma intervía na sesión para facer un chamamento a todos os grupios municipais a actuar. No social, temos a concentración desta quinta feira.

- Hai receptividade na veciñanza a estas demandas, implícase?

Organizacións como o BNG e Marea Atlántica apoian isto, así como sindicatos como CIG ou CCOO. O PSOE está nunha posición difícil polas herdanzas do 'vazquismo'. O 'vazquismo' arruinou esta cidade. Alén de organizacións e entidades, tamén percebemos na cidadanía da pé que hai un apoio, un interese, que non queren que se venda A Coruña a anacos para unha especulación.

Comentarios