CINCO VECES MAIOR QUE A DE CORCOESTO

Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas, ameazados por unha nova mina

Isabela II é o nome da mina que unha empresa madrileña pretende explotar en terreos dos concellos de Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

MINA

A compañía española Grupo M-FM 2001, S.L., con sede en Madrid, avanza no seu afán por explotar unha mina de grandes dimensións que ocuparía terreos pertencentes aos concellos de Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas. O pasado 15 de xaneiro, o DOG publicaba o anuncio do 23 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, mediante o cal se somete a información pública o expediente da solicitude do permiso de investigación mineira Isabela II.

A empresa madrileña, cuxo obxecto social é a solicitude e adquisición de dereitos mineiros e a explotación industrial mineira, solicitou o 20 de xuño 2011 o permiso de investigación mineira. Na solicitude constaba que a mina ocuparía 156 cuadrículas en terreos que pertencen a Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco. A Xefatura Territorial da Consellaría de Economía e Industria resolveu favorabelmente a admisión definitiva da citada solicitude o 4 de febreiro de 2013.

É agora cando as persoas afectadas polo permiso de investigación mineira poden acceder ao expediente, que se atopa no edificio administrativo da Xunta de Galiza na Coruña, para presentar as alegacións en trinta días hábiles.

A mina afectaría arredor de 4.350 hectáreas

Unha mina cinco veces maior que a de Corcoesto

Segundo o anuncio do DOG, os terreos ficarían afectados por 156 cuadrículas mineiras, a unidade que se emprega para identificar a localización de concesións mineiras. Cada cuadrícula mineira equivale, aproximadamente, a 28 hectáreas, segundo o Plano Sectorial de Actividades Extractivas, polo que, neste caso, estarían afectadas arredor de 4.350 hectáreas.

A mina de Corcoesto, proxecto que grazas á mobilización social naufragou, ocupaba 29 cuadrículas mineiras, o equivalente a unhas 810 hectáreas.

Na actualidade, segundo os datos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, existen na Galiza 362 explotacións activas, á marxe das empresas balnearias e das plantas de envasado de auga mineral.

Comentarios