ContraMINAcción alerta do risco potencial para a Ría de Muros-Noia dunha balsa de lodo tóxico en Lousame

Ocupa unhas 5 hectáreas e a única contención, indican da plataforma, é un dique de formigón que ten décadas de antigüidade.

San Fix lousame

A plataforma ContraMINAcción alerta do risco potencial que pode supoñer para a Ría de Muros-Noia unha balsa de 5 hectáreas de lodo tóxico que hai no concello de Lousame. Nun comunicado, desde este colectivo sinalan que río abaixo das instalacións da mina de San Fins existe unha “inmensa balsa de lodos tóxicos que ocupa unhas 5 hectáreas contida por un dique de formigón fabricado hai mais de 100 anos e que se encontra en pésimo estado”. Algo que, recoñecen, lles deica “moi preocupados” polas “consecuencias potenciais” que provocaría a ruptura da contención: “Afectaría a toda a actividade marisqueira da ría de Muros e Noia, entre outras das moitas consecuencias ambientais que acarrearía”.

A comitiva da Plataforma contraMINAcción viaxou até Lousame para coñecer sobre o terreo o alcance dos danos causados polo incendio intencionado que arrasou 9 hectáreas do Monte Veciñal en Man Común de Froxán o 1 de maio de 2016. Aproveitaron a visita para constatar a existencia de pozos e vetas abertas abandonadas producidas pola actividade mineira nos montes veciñais de Froxán e da Feosa (denominados localmente “choios”). “Como adoita acontecer, as mineiras deixaron todo abandonado e tivo que ser a propia veciñanza a que levou a cabo os labores de restauración dalgúns deses buracos, os de menor tamaño, sen axuda das administracións ou das empresas concesionarias responsábeis. Verificamos, contodo, o risco que ainda supoñen estes pozos e vetas abertas e advertimos o perigoso que resulta transitar por esta zona por fóra dos camiños”.

Tamén comprobaron, indican no comunicado, a expansión da ocupación de parcelas de monte veciñal que a empresa concesionaria da mina vén realizando nos últimos anos, “incluíndo a invasión de monte con cascallos e balsas de lixiviados no caso da comunidade da Feosa; e da instalación dun portalón e reixado no acceso a unha das parcelas do monte de Froxán”. Ao longo de todo o perímetro das escombreiras, denuncian, prodúcese un lixiviado constante dos materiais expostos á intemperie e ao arrastre da chuvia que decanta directamente no río San Fins. As augas fluviais do río San Fins, que desprenden este forte cheiro, continúan o seu curso sen ningunha clase de tratamento.


 

Comentarios