A PROPOSTA DUNHA CONCELLEIRA

O Concello da Coruña multa catro mozos por pintaren un mural pro Palestina

O Concello da Coruña vén de multar catro mozos nacionalistas por realizaren un mural nunha parede carente de valor patrimonial no que pode lerse “Palestina Libre! Contra o xenocidio sionista”.

mural grande

Nunha resolución de 10 de decembro de 2015 á que tivo acceso Sermos Galiza, a concelleira delegada de Medio Ambiente do Concello da Coruña, María García, que actúa, segundo o documento, “por delegación da Xunta de Goberno Local”, acordou iniciar o expediente sancionador contra catro mozos por “presunta infracción do artigo 74 da Ordenanza Municipal de Xestión de Residuos Municipais e Limpeza Viaria deste Concello” ao “realizar pintadas o 12 de novembro de 2015, ás 2.40h. na rúa Marina Nieto Álvarez con Joaquín Galiacho”.

Trátase dun mural en apoio ao pobo palestino no que aparece a silueta dun rapaz cos lemas “Palestina Libre! Contra o xenocidio sionista” e “só vencen os pobos que loitan”.  Tamén figuran os nomes das organizacións ás que pertencen os mozos nacionalistas multados, o Movemento Galego ao Socialismo e Isca! (colectivos integrados no BNG). Sobre os acusados, que dispoñen de dez días para presentaren as alegacións correspondentes, pesan sancións de 150 euros, cantidade á que cada un terá que sumar 26,20 euros en concepto de limpeza do mural, segundo se indica na resolución.

Tal e como recolle a resolución, a concelleira de Medio Ambiente acordou propoñer a sanción económica após un informe da policía local de 12 de novembro de 2015.

"Moi pouco cambiou na Coruña", salienta un dos multados

En declaracións a Sermos Galiza, un dos multados, A.S., sinala que "a sanción demostra que moi pouco cambiou na Coruña nalgúns eidos malia a mudanza do goberno municipal. A Marea interpreta e executa sancións contra activistas do mesmo xeito que o fixo no pasado o PP de Carlos Negreira e, neste caso, é máis grave, tendo en conta que Xulio Ferreiro afirmou en campaña que a Marea ía apoiar quen desobedecese leis inxustas". Este mozo nacionalista engade que "para nós non é unha cuestión de legalidade senón de vontade política de deixar de perseguir ou non a mocidade que non se resigna nin coa súa realidade nin coa do mundo".

O departamento de comunicación do Concello da Coruña informou Sermos Galiza de que nas próximas horas ofrecerá a súa versión dos feitos.

Comentarios