Colectivos veciñais de Zas entregan máis de 300 alegacións contra o novo macro-proxecto mineiro

Tamén fixeron entrega de perto de 1.200 sinaturas recollidas entre a veciñanza.

MINA

A Federación de Veciños de Zas e outras dúas entidades fixeron entrega no rexistro do Concello de perto de 1.200 sinaturas e 154 alegacións contra o proxecto macro-mineiro que unha empresa con sede en Madrid impulsa na comarca baixo o nome de 'Isabella II'. Outras 153 alegacións forin entregadas polo alcalde na Sub-delegación do goberno, evitando así “colpasar o rexistro municipal”, segundo as súas propias palabras. Os recursos refírense, entre outras cuestións, á falla de planos de situación dos traballos; carencia dun estudo xeolóxico e estudos de impacto ambiental; a indeterminación da afectación aos bens arqueolóxicos, paisaxísticos e etnográficos; a inviabilidade de un aproveitamento racional de recursos e o incumprimento de diferentes leis e normas.

Desde diferentes colectivos e organizacións advirten do impacto dunha mina de grandes dimensións que ocuparía terreos pertencentes aos concellos de Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas, na comarca de Bergantiños. Un proxecto que, afirman, afectaría a unha superficie de 43 quilómetros cadrados, “equivalente a 4.360 campos de fútbol”.

Desde ContraMINAcción, sosteñen que as consecuencias potenciais negativas para a área afectada son moitas. “En primeiro lugar, unha mina de ouro a ceo aberto implica o uso de cianuro, un veleno moi contaminante e mortal, maquinaria pesada, recursos públicos, camiños e carreteiras, electricidade, e supón a introdución dunha actividade industrial moi agresiva nunha zona agrícola e gandeira -entre 1.500 e 2.000 explotacións de vacún afectadas-, con actividade de caza e pesca, apicultura e outras propias das zonas rurais”.

Comentarios