Colapsos e folgas marcan a polémica reforma sanitaria da Xunta en Vigo

Aumenta a tensión entre o persoal a falta de meses para a apertura do novo hospital público-privado, que provocará o desmantelamento dos demais centros da cidade.

Urxencias de Vigo
photo_camera Urxencias de Vigo [Imaxe CIG]

Esperas de até 14 horas, unha vintena de persoas agardando para ser ingresadas, decenas de doentes hospitalizados nos corredores, profesionais saturados e caos xeneralizado. Imaxes que se repetiron durante todo o pasado mes de decembro nos hospitais de Vigo, onde o colapso dos servizos de Urxencias foi a tónica dominante. Unha realidade que entronca co futuro da área sanitaria viguesa, que sufrirá este 2015 profundas reformas coa apertura do novo hospital. 

As folgas e as mobilizacións do persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) repetíronse durante os últimos meses do pasado ano, ante os continuos recortes, a precarización das condicións laborais e os indicios dunha paulatina privatización dos servizos.

A maior manifestación de 2014 na cidade olívica foi precisamente contra o plan da Xunta, que prevé inaugurar a mediados de curso un novo hospital público-privado en Beade, aínda en construción, que se convertirá no centro de referencia. Milleiros de persoas encheron as rúas en defensa dunha sanidade pública que, consideran, está en perigo co modelo sanitario que está a impoñer o goberno de Alberto Núñez Feijoo. 

O frío non explica o colapso

O colapso de decembro nos hospitais vigueses está relacionado, como ocorreu en toda Galiza, co aumento das enfermidades asociadas ao frío. Entre un 10 e un 20% máis de doentes acodiron ás Urxencias dos hospitais Xeral e Meixoeiro durante ese mes. Mais dende o persoal aseguran que este tipo de picos asistencias, como o invernal, están sempre previstos, polo que os atrasos e amoreamentos son unha evidencia clara das eivas do sistema. 

Esa é unha das razóns de que o persoal médico das Urxencias do Meixoeiro, que  atende máis de 60.000 persoas cada ano, anunciara unha folga inédita, co apoio unánime de todos os traballadores e traballadoras. Denuncian que só tres profesionais atenden a quenda de noite entre o martes e o xoves, mentres os sábados e domingos suben a catro. Demandan tan só unha persoa de reforzo para dar resposta aos centos de doentes que se agolpan nas salas de espera.

Así mesmo, os sindicatos CIG e CCOO denunciaron que os colapsos son produto da política de non substituir persoal, recolocando profesionais entre centros para cubrir vacacións ou baixas. Outro dos motivos sinalados, que explica o número de ingresados nos corredores dos hospitais, era a falta de camas, decenas de elas pechadas no pasado. O último día de 2014, a xerencia do Chuvi tivo que reabrir 60 camas nos hospitais vigueses, confirmando a saturación que negaba a Consellería de Sanidade durante decembro.

Comentarios