Coia revólvese contra a 'rotonda-barco'

A veciñanza deste barrio vigués paralizou as obras contratadas polo concello e aseguran que continuarán até frear o proxecto.

Paralización das obras en Coia
photo_camera [Imaxes Eduardo Rodríguez]

O goberno de Abel Caballero decidiu erguer nunha rotonda sita no barrio de Coia un "pesqueiro de comezos de século". A obra ten un orzamento "de 300 mil euros segundo publicaron diversos medios locais", sinala en conversa con Sermos Galiza Eduardo Rodríguez, activista da Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS). 

"Tentamos buscar información do contrato mais non a atopamos", de maneira que --dando por certas as cifras que manexa a imprensa-- aseguran que, para alén, de ser "unha horterada" levar un barco antigo até Coia "é un despilfarro". 

"Coia é un barrio que está a sufrir duramente a crise económica", aseguran desde ODS-Coia. "Desafiuzamentos, pobreza enerxética...". Neste senso, coidan que os miles de euros que o executivo municipal ten previsto investir na nova rotonda, irían ben mellor "para as persoas". Con esta premisa e após unha asemblea veciñal decorrida na cuarta feira, a veciñanza de Coia botouse á rúa a primeira hora da mañá decidida a paralizar as obras. 

"Non houbo ningún problema nen por parte dos operarios nen da policía", embora desprazárense até o lugar 2-3 grilleiras da policía española. "Tivemos outra xuntanza na propia obra e decidiuse ocupar a rotonda" para paralizar a construción, explica Rodríguez. Así é que por volta dunha vintena de persoas ocupan arestora o emprazamento da nova glorieta e chaman a máis a se sumar. 

"Mañá volveremos ás 8.00h" e convocamos unha concentración ás 19h (sexta feira) coa vontade de "continuar", remarcan. O lema berra "Non pode ser, o barco na rotonda e as familias sen comer'. 

Que se poderían facer con 300 mil euros no barrio de Coia?, preguntamos a Eduardo Rodríguez. "Poderían gastarse na xente, no cheque social e as axudas de emerxencia que agora mesmo están a tardar moito tempo" en ser percibidas por quen máis as precisa. Unha realidade social que ODS-Coia coñece de primeira man. "O alcalde manexa isto coma se for o seu cortijo", denuncia. 

Axentes da policía identificaron a 9 persoas concentradas nas obras ao mediodía. 

Comentarios