Coia resiste na rotonda malia os embates do goberno local

A veciñanza mantén paralizadas as obras na rotonda da rúa Castelao desde hai 20 días. VÍDEO NO INTERIOR.

VigoDixital
photo_camera [Imaxes VigoDixital]

A asemblea veciñal de Coia evitou que policía e operarios valasen a rotonda e reducisen o espazo no que o movemento social mantén o seu campamento base. Malia os embates lanzados polo Concello de Vigo que mesmo tentou impedir a celebración dun concerto solidario, a veciñanza mantén o pulso ao goberno de Abel Caballero. 

Após unha xornada intensa no día de onte (23 de decembro) onde o executivo local enviou un forte continxente policial para desprazas as persoas concentradas na rotonda cara ao interior das obras, por volta das 5 da mañá novos efectivos da policía municipal presentáronse na rúa Castelao para valar este espazo. 

Desde o concello atribúen esta decisión aos problemas xurdidos no tránsito por mor do adiamento das obras mais desde a Asemblea veciñal vén na actitude do goberno de Abel Caballero "un ataque". 

O movemento social insiste en que existen "alternativas" para darlle saída a esta embarcación de comezos do século XX como levala ao Museo do Mar ou á zona portuaria 

Malia todo, as posicións por ambas as dúas partes mantéñense firmes desde hai 20 días. A veciñanza, cada vez máis numerosa, asegura que non permitirán o labor dos operarios nen a colocación do Bernardo Alfageme polo "despilfarro" que esta supón. Entrementres, o executivo asegura que o buque "vai colocarse". 

O movemento social insiste en que existen "alternativas" para darlle saída a esta embarcación de comezos do século XX como levala ao Museo do Mar ou á zona portuaria mais alcalde e equipa municipal insisten en que o espazo a ocupar polo Alfageme é a rotonda de Coia, anteriormente ornamentada con herba e flores. 

Un aspecto que desde a Asemblea de Coia tentarán recuperar á volta das festas cunha acción de protesta "pacífica" que encherá de "vida" e cores este espazo urbano para denunciar o investimento gobernamental de máis de 600 mil euros que conlevaría a colocación do buque. Ese diñeiro, insisten desde a veciñanza, debería destinarse a axudas sociais nun barrio fortemente atinxido pola crise. 

Comentarios