mércores 03.06.2020

Cargas policiais e 6 persoas con lesións no traslado con nocturnidade do Alfageme a Coia

Un desproporcionado dispositivo policial permitiu ao alcalde Abel Caballero cumprir a súa ameaza. Na noite da cuarta feira, o barco Bernardo Alfageme foi trasladado á rotonda de Coia, contra a vontade da veciñanza. Houbo cargas policiais e até 6 persoas feridas.VÍDEO NO INTERIOR.

[CC-BY-NC-SA Gzfoto]
[CC-BY-NC-SA Gzfoto]

Tivo que ser pola forza e con nocturnidade o traslado do barco Bernardo Alfageme. Segundo informa VigoDixital, a operación policial de vixiancia da rotonda principiou por volta das 20.30 horas, cando un grupo de veciñas e veciños se achaban alí concentrados, e o traslado non comezou até a 1.30 horas da madrugada.

A 1.30 horas o grupo de veciñas e veciños foron acordoados pola policía e posteriormente empurrados cara á beirarrúa, advertidos polo oficial ao mando da operación de que se estaba a aplicar a lei de seguranza cidadá.

O traslado tivo as súas incidencias. Non é doado manobrar cun barco pola rúa. O buque bateu co túnel de entrada a Castelo, o que provocou certo desconcerto. Algunhas veciñas e veciños aproveitaron a ocasión para tentar safar da vixiancia policial. Foi entón cando se produciron as cargas, saldadas con 6 feridos.

Ás 2.30 horas o barco xa estaba instalado na rotonda.

O colectivo veciñal anuncia que non vai ficar de brazos cruzados e que continuará coas mobilizacións.

A operación de traslado foi contemplada in situ por dúas pezas básicas do goberno local vigués: os concelleiros de Seguranza e Xardíns, Carlos López Font e Ángel Rivas, este último secretario de organización do PSOE local, imputado no caso Formigón e investigado na Operación Patos.

Dous meses e medio contra o barco, tres anos de loita

A veciñanza mantivo na xornada de onte no barrio de Coia unha loita que se prolonga perante a rotonda da avenida Castelao desde hai "dous meses e medio" mais que vén "desde hai tres anos" reclamando "xustiza social", explica en conversa con Sermos Galiza Emilio Velasco, unha das voces da asemblea aberta de Coia e cura na parroquia do Cristo da Vitoria.

"O barco é o símbolo da política de despilfarro" do goberno de Abel Caballero, apunta, mentres "nos barrios, tamén no de Coia, a situación é extrema" pois, explica, "o diñeiro que entra nas casas é escasísimo ou nulo". 

A veciñanza continuará resistindo, "este é só o primeiro chanzo", advirten

A súa é unha "resistencia pasiva" e non violenta que na madrugada de hoxe volveu saír ás rúas da cidade olívica, desta volta, "tomada" polas forzas policiais. "Non mandaron os militares de miragre, é incríbel", subliña. 

Da confrontación coas ducias de axentes desprazados "varios veciños tiveron que ir ao centro de saíde polos tiróns" da policía. "Non foron lesións graves mais tamén denunciaron para que vexa o señor alcalde que os violentos son os que manda" e non a veciñanza, acrecenta Emilio. 

Após colocaren o Bernando Alfageme na rotonda "a loita continúa", aseguran desde a asemblea aberta de Coia, "este é só o primeiro chanzo". Para esta quinta feira (19 de febreiro) ás 18.30 horas convocaron unha concentración perante o barco. A de onte, din, "foi unha experiencia que nos motivou moito". "Non pararemos até que os servizos sociais sexan dignos", sentencian. 

comentarios