Caballero retoma as obras en Coia con nocturnidade

Iniciáronse de madrugada e acompañadas dun forte dispositivo policial.

Coia
photo_camera [Imaxes Adrian R. Bravo // Roberto Solano]

O goberno local de Vigo reiniciou as obras na rotonda da Avenida Castelao esta segunda feira. No concreto, de madrugada, pouco despois de dar a 01:00h. 

Operarios da empresa construtora acompañados dun forte operativo da policía municipal deron continuidade aos traballos para a colocación do Bernardo Alfageme após un mes de conflito veciñal que os tiña paralizados. Através da Asemblea de Coia a veciñanza deste barrio obreiro vigués amosou o seu rexeitamento ao proxecto por o consideraren "un despilfarro" de diñeiro público que podería ser destinado a axudas sociais. 

Irregularidades na contratación

Aliás, denunciaron perante a Fiscalía presuntas irregularidades na contratación da empresa responsábel das obras. Neste senso, a veciñanza solicitou que se chame a declarar a Abel Caballero e David Regades --PSOE-- como responsábeis políticos, mais tamén ao titular legal de Civis Global, a empresa que está a levar a cabo os traballos. Na documentación presentada perante a Fiscalía lémbrase o historial da entidade --anteriormente denominada Movex Vial. A construtora mudou de nome após ser condenada por diversos delitos fiscais no caso 5 Jotas, como avanzou o diario local Vigodixital

'Represión'

Ao longo dun mes de conflito entre a equipa de goberno municipal e a veciñanza de Coia desde a asemblea aberta denuncian unha campaña de "represión" por parte do Concello de Vigo. Neste senso, foron detidas 3 persoas integrantes da asemblea veciñal activistas da Oficina de Dereitos Sociais (ODS-Coia) acusadas de delitos de "atentado" e "lesións" á autoridade. 

Entre elas atópase Xurxo quen foi denunciado pola policía municipal e enfronta un proceso xudicial no que lle piden 3 anos de cárcere. 

Tanto a Asemblea aberta de Coia como ODS-Coia sinalan que as súas accións son "pacíficas" e que a policía está a "falsear" nos seus informes os acontecementos. Destarte, critican unha campaña de "criminalización" dos movementos sociais que se opoñen á instalación do Alfageme na rotonda como tamén de presión cara á veciñanza que se solidariza con eles como reflicten as sancións económicas a condutores que premeron as súas buguinas ao paso pola obra. 

Comentarios