PARA EVITAR A PRóRROGA DA CONCESIóN

Fronte común dos partidos en Pontevedra, agás o PP, contra a permanencia de Ence na ría

O Goberno local e os grupos municipais do BNG, PSOE e da Marea, da man de colectivos sociais, veñen de poñer en marcha unha campaña contra a permanencia do complexo de ENCE en Lourizán e pola recuperación da ría de Pontevedra.

Ence
photo_camera Ence

Todos os grupos políticos con representación no Concello de Pontevedra agás o Partido Popular veñen de emprender unha campaña multimedia baixo o lema “Ence fóra para sempre” co fin de acabar co complexo que a empresa ten na ría. Nos próximos días, tal e como informa o Goberno municipal, estrearase a web desta iniciativa da que tamén participan asociacións ecoloxistas, veciñais e profesionais . Ademais publicarase o Libro Branco sobre Ence, con preguntas e respostas sobre a realidade da empresa.

Coa campaña preténdese mobilizar a cidadanía de maneira “explícita e contundente” para tratar de pórlle freo á inminente decisión do Goberno do Estado e da Xunta de prorrogar a concesión de Ence en Lourizán por 50 anos, un prazo que podería estenderse aos 60 anos coa actual Lei de Costas. “Só a presión social sobre Ence e o PP de Pontevedra e de toda a comarca será quen de impedir a prórroga”, salientaron os portavoces das asociacións ecoloxistas Defensa da Ría e Vaipolorío na presentación desta campaña. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, advertiu de que evitar a prórroga a Ence “é unha responsabilidade de todos e todas”.

Comentarios