O BNG presenta a súa candidatura en Vigo

O sindicalista Serafín Otero encabeza a candidatura da organización frontista ás eleccións municipais.

Serafín
photo_camera [Imaxes Ikerman Iker]

O Bloque de Vigo presentou as persoas que integrarán a candidatura da formación nacionalista ás eleccións municipais de maio. En comparecencia de imprensa aseguran que se trata dunha "ferramenta útil" para a veciñanza viguesa que "non se resigna, nen á política de recortes do PP nen ás bravatas de Caballero". 

Vigo precisa dunha alternativa nacionalista “para facer fronte tanto ás políticas da dereita como a un goberno local que finalmente traballa na mesma dirección pactando co PP”, afirmou o portavoz nacional do BNG na presentación pública da candidatura que encabeza o sindicalista Serafín Otero. O número un sinalou na súa intervención que que a cidade olívica "non pode perder catro anos" cun goberno no que o alcalde está "pendente da foto e do titular" en troca das necesidades sociais de Vigo. 

Serafín Otero sintetizou o proxecto do BNG-Asembleas abertas para estes comicios co obxectivo de pór "os problemas da xente por diante"

Acompañado polas persoas que, xunto a el, compoñen o primeiro tramo da candidatura, Otero salientou que o BNG márcase como obxectivo para estes comicios "recuperar Vigo como motor económico, capaz de crear emprego, con servizos públicos de calidade, -como a sanidade-, e que se empeñará en combater a exclusión socia". Un obxectivo que sintetizou coa frase "os problemas da xente por diante". 

Para alén de Serafín Otero integran a listaxe a activista feminista Victoria Iglesias, Manuel González Moreira, médico de familia, Ernes Rodríguez, operaria da Citroën, o licenciado en Socioloxía, Manuel Caride; Dolores Rodríguez, médica e integrante da  Asociación pola defensa da sanidade pública (AGDSP); Diego Santorio, Elsa Quintas, Xabier Pérez Igrexas e Maribel Tato. 

Comentarios